Visita guiada a exposición de fotografía “Read Me”, Santiago Barreiros - Espazo +60 Ourense
O 26 de marzo, xoves, farase unha visita guiada ao Centro Cultural Marcos Valcárcel para ver a exposición “Read Me” co grupo de fotografía.
Na exposición, Santiago Barreiros, fotógrafo ourensán, realiza un percorrido pola súa historia persoal a través da fotografía en branco e negro desde os anos 70 ata a actualidade nesta retrospectiva artellada ao redor do retrato.
A súa carreira profesional comezou hai medio século: cámaras pesadas, rolos de película ou diapositivas, revelado no cuarto escuro… todo iso foi substituído por un mundo dixital. Pero a técnica segue sendo a mesma: o ollo do fotógrafo, atento a capturar o momento e a composición perfectos.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel inaugurará unha exposición de cen retratos que abarcan cincuenta anos desa mirada sempre alerta que se converteu en testemuña do seu tempo, un tempo que comezou despois da súa formación en París e Madrid, que foi testemuña do auxe da fotografía na industria da moda galega durante as últimas décadas do século XX e que se estende ata a actualidade.
Actividade gratuíta sen inscrición previa.
Máis información no Espazo +60 de Ourense (988 236 303).