Exposición TRAMAS. Ángeles Pérez, a artista lanosa, en Vigo
Ángeles Pérez naceu en Pontevedra e pasou arredor de cincuenta anos entre Berlín, Londres e Milán, antes de regresar á súa cidade natal no ano 2020. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e, desde que comezou a traballar en Francia e Alemaña durante os veráns dos últimos cursos universitarios, non deixou de viaxar nin de experimentar coa la nunha traxectoria marcada pola curiosidade, as casualidades e, sobre todo, pola creatividade.
Tras un primeiro ano en Berlín, trasladouse a Madrid, onde traballou para unha empresa italiana, e posteriormente marchou a Londres. Foi nesta cidade onde descubriu o bordado en cañamazo e iniciou unha investigación persoal sobre as súas posibilidades expresivas, dando comezo á serie dos “Bordadosos”.
Unha nova oportunidade levouna a Milán para substituír unha profesora de español, amiga súa, coñecida casualmente nun autobús camiño de Berlín. Alí produciuse un feito decisivo na súa carreira: unha das persoas coas que compartía vivenda reparou nun xersei calcetado por ela —hoxe exposto na sala— e propúxolle deseñar pezas de punto feitas á man para seren publicadas en revistas de moda. A partir dese momento, fabricantes de la de primeiro nivel contactaron con ela para solicitar deseños exclusivos destinados a feiras especializadas, campañas publicitarias e outros proxectos. As frecuentes viaxes en tren permitíronlle, ademais, crear os “Mignon”.
Despois de anos de movemento continuo, xurdiu nela o interese por coñecer a reacción do público ante o seu traballo e, en xuño de 1986, expuxo no Festival dei Due Mondi de Spoleto, unha cita cultural de referencia internacional. A acollida foi extraordinaria e as críticas, inmellorables.
Impulsada pola calidade dos materiais fornecidos polos fabricantes de la, cos que colaboraba como deseñadora, iniciou a serie dos “Lanosos”. Presentouse posteriormente a un concurso en Turín, no que obtivo a medalla de ouro coa obra titulada A tía Pilar endomingada e con pendentes. Nesa peza empregou por primeira vez a rede metálica como base, en lugar da trama tradicional sobre cartón.
Coa aparición dos “Madeirosos”, comezou a perforar táboas de madeira para coser nelas a trama. Máis adiante incorporou tamén as grellas de ventiladores desbotados como soporte, o que deu lugar aos “Recicladosos”.
Na actualidade, Ángeles Pérez continúa a investigar coas múltiples posibilidades da la, un material que segue a sorprendela e que transmite ao seu alumnado do Espazo +60 do Café Moderno Afundación de Pontevedra, onde imparte clases de bordado de cañamazo.
Aproveita para visitares a axenda web e decatarte de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para te informares sobre outras actividades escénicas.