Taller de confección gratuíto de compadres e comadres, Espazo +60 Monforte
Con motivo do Entroido, o Espazo +60 Afundación de Monforte vai poñer en marcha, un ano máis, obradoiros gratuítos para a confección de compadres e comadres. O obxectivo dos obradoiros, que se impartirán os martes e xoves desde o 23 de xaneiro ao 20 de febreiro, é contribuír a que esta tradición do sur da provincia de Lugo non desapareza.
En grupo elaborarán os compadres, que fan as mulleres, e as comadres, que fan os homes, utilizando materiais sinxelos como cartóns, palla, pintura e roupas usadas para darlles unha segunda vida.
Hai cincuenta anos, no xoves de compadres, as mulleres solteiras, casadas, nenas e anciás participaban da festa. Xuntábanse e facían os seus compadres, normalmente unha camisa e un pantalón vello, reenchidos de palla con algún sombreiro ou pano. O máis bonito era o escollido para subilo nun burro ben adobiado, coa súa autora presumindo de levar o primeiro a queimar; detrás, o séquito co resto dos compadres e das demais mulleres. Ao escurecer prendíaselle lume e os homes intentaban abortar a queima. O mesmo ocorría ao xoves seguinte, mais no caso inverso. Os homes facían as súas comadres e as mulleres, o imposible por evitar a súa queima.
Tanto os compadres como as comadres exporanse na rúa, diante do Espazo + 60, os días 13 e 20 de febreiro.
O xoves 23 de xaneiro, ás 16.30 horas terá lugar unha reunión informativa.