Concerto REAL FILHARMONÍA DE GALICIA Vigo

Podes gozar deste concerto dentro da Tempada de Abonos de CLÁSICA 2020 ou ben coller as túas entradas individuais en Ataquilla.com.
Esta tempada non haberá pausa nos concertos, seguindo as recomendacións da INAEM para garantir a seguridade de público e intérpretes, ademais doutras medidas concretas nos nosos auditorios, que podes ler embaixo de todo.
PROGRAMA
Director: Maximino Zumalave
Violín: Ellinor D’Melon
Duración aprox. 1 h
INACABADA
MAX BRUCH (1838-1920)
Concerto para violín núm. 1 en sol m, op. 26 (24’)
Prelude: Allegro moderato
Adagio
Finale: Allegro energico
Ellinor D’Melon, violín
FRANZ SCHUBERT (1797-1828)
Sinfonía en si m, D.759, «Inacabada» (25’)
Allegro moderato
Andante con moto
Max Bruch (1838 - 1920)
O compositor alemán Bruch foi un home do seu tempo que viu rematar a Primeira Guerra Mundial, mais non foi quen de modificar as súas ideas ao longo dos seus oitenta e dous anos de vida. Así é, sendo un recoñecido director de orquestra titular -en Mannheim, Coblenza, Sondershausen, Berlín, Breslau e Liverpool– ademais de catedrático de Composición na Hochschule für Musik de Berlín, a súa música tampouco se adaptou aos cambios que abrollaban ao seu arredor. As revolucións de 1848 precipitaron o romanticismo alemán en dúas correntes principais: a coñecida como académica (Mendelssohn, Brahms, Clara Schumann…) e a revolucionaria representada por Liszt, Wagner, Mahler ou Strauss.
Tradicional na súa xuventude e illado dos seus contemporáneos na madurez, Bruch foi decididamente brahmsiano e definido, por moitos, coma un academicista que traballou arreo para romantizar o violín desde a claridade e o formalismo clásico. Posiblemente por iso é lembrado case en exclusiva –a pesar do seu extenso catálogo que inclúe música sinfónica, sacra e de cámara, ademais de óperas, lieder e numerosas obras corais, con e sen orquestra– pola súa obra máis recoñecida, o Concerto para violín nº 1. Os bosquexos iniciais da peza datan de 1857, pero a primeira partitura rematada non foi estreada ata 1866 en Coblenza, con Otto von Königslöw como solista e baixo a batuta do compositor. Con todo, insatisfeito co desenvolvemento das súas ideas, Bruch envioulle a obra a Joseph Joachim, un dos violinistas máis afamados e influentes da época, quen recoñeceu o carácter violinístico da parte solista, mais suxeriu numerosos cambios que Bruch aceptou, dedicándolle a versión definitiva. Coa nova feitura, cun primeiro tempo moi libre e os dous seguintes garantes da coherencia estrutural, o Concerto en sol menor estreouse en Bremen, en 1868, interpretado por Joachim e dirixido por Karl Rheinthaler.
Este concerto supón, en certos aspectos, o elo intermedio entre os concertos de Mendelssohn e Brahms, e non só cronoloxicamente. Do primeiro retoma o lirismo, aínda que reinterpreta a súa transfigurada vea fantástica en clave de ardente sentimentalismo; do segundo anticipa o interese pola música cíngara, en especial no potente movemento final. O allegro moderato inicial funciona coma un preludio de grandes dimensións; o seu curso é rapsódico, case improvisatorio. O deseño nas madeiras do comezo e a serena entrada do solista non presaxian a forza que o movemento chegará a tomar. Unha célula rítmica, coma un pulso continuo, imponse e medra ata tomar un ton épico. Bruch concede amplas pasaxes líricas ao solista, mais a importancia da parte orquestral fai pensar nunha sinfonía con solista. O preludio aparece ligado ao Adagio, movemento lento, auténtico núcleo da obra, en que o violín é protagonista arredor dun mesmo tema, a través de ornamentacións e elaboracións, posiblemente indicadas por Joachim. Os momentos en que o solista se entrega a fondo ao canto son dunha indubidable sinceridade e aí desprega Bruch o seu feitizo melódico. Pecha a partitura un allegro energico-presto, unha apaixonada e brillante declaración. O aire xitano é un claro precedente do movemento similar que remata o Concerto para violín de Brahms.
Franz Schubert (1797 - 1828)
Franz Schubert foi un modelo do artista romántico, un compositor libre que escribía cando e como quería, prestando pouca atención ás encomendas. Posiblemente por esa falta de obriga, moitas das súas obras non foron rematadas e a maior parte da súa produción está dedicada ao lied e a obras instrumentais de pequena dimensión para seren interpretadas nos seráns organizados polas súas amizades.
Os dous movementos da Sinfonía en si menor de Schubert, que chegaron aos nosos días, poden considerarse coma un todo perfecto que non necesita máis, de aí o subtítulo de Inacabada fronte a Incompleta, escollido por moitos musicólogos. Algún experto mesmo disertou sobre a posibilidade de que fose así concibida polo compositor, algo improbable tendo en conta os compases manuscritos dun inicio de scherzo. Actualmente é unánime a aceptación da Sinfonía en si menor coma unha desas obras que o autor deixou sen concluír. Tras abandonar a súa Sétima Sinfonía, en 1822, Schubert bosquexa a oitava en partitura para piano, rematando dous movementos, comezando o citado scherzo e esquecéndoa en outubro para, en setembro de 1823, ofrecerlla á Sociedade Musical de Estiria, en Graz, como agradecemento por ser nomeado membro de honra, a través do seu amigo Anselm Hüttenbrenner, quen tamén pertencía á Sociedade. Entregou o manuscrito sen precisar a tonalidade, nin indicar que se trataba dunha sinfonía, nin tampouco intentar que fose interpretada. Despois de corenta anos en mans dos Hüttenbrenner, finalmente Johann Herbeck, director da orquestra da corte de Viena, estreouna na capital austríaca en 1865.
A Inacabada de Schubert expresa un abano de emocións que van desde a paz interior ata a desgraza, pasando pola tristura. Todo nela é belo, natural, sinxelo, fondo, unha sorte de inspiración melódica en que, tecnicamente, destaca a ousadía dos seus procesos harmónicos, aínda que parezan revestidos da maior naturalidade. O Allegro moderato comeza cunha idea temática lenta, misteriosa, borboriñada por violoncellos e contrabaixos, que precede ao primeiro tema cantado por óboe e clarinete, melodía á que segue un segundo tema, un allegro en forma sonata, unha idea sensible e luminosa que completa a exposición. O tutti repite a exposición, e o desenvolvemento empeza cunha elaboración do tema serio da introdución, que leva por un percorrido moi expresivo ao seu clímax final nun momento de gran forza e tensión. Na reexposición regresan os dous temas, terminando cunha coda sobre o tema grave do inicio e catro contundentes acordes. O Andante con moto comeza cunha suave e expresiva melodía das cordas. A presentación do segundo tema corre a cargo do clarinete para ser repetido polo óboe, e finaliza a exposición cun tutti de natureza militar, a modo de desenvolvemento, que parece abandonar as formas clásicas. Para rematar, a repetición do tutti de carácter marcial e a coda, cun arpexo rotundo, percorrendo todos os rexistros da corda.
MEDIDAS COVID-19
1-Uso obrigatorio de máscara en todo o recinto e durante a duración íntegra do espectáculo.
2.-Desinfección obrigatoria de mans ao acceder ao recinto.
3.-Non poderá cambiar a butaca asignada na compra con outro espectador en ningún momento.
4.-O acceso e saída á súa zona asignada deberá efectuarse seguindo as instrucións do persoal da sala para evitar aglomeracións.
5.-O uso de ascensores queda limitado a persoas con mobilidade reducida, priorizándose o uso das escaleiras.
6.-Se vostede presenta síntomas compatibles coa COVID-19 ou estivo en contacto con caso confirmado nos últimos 14 días, por favor, non acceda ao noso centro, íllese no seu domicilio e contacte co seu centro de saúde máis próximo.