Rexina Vega leva o XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego
__narrow.png) 
					A 23 de outubro, na Sede Afundación de Pontevedra, o xurado da XXII edición do Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, recoñeceu como gañadora a escritora e docente viguesa Rexina Vega polo seu artigo «Aínda aprendo», publicado en Tempos Novos o 1 de xaneiro de 2024.
«Este artigo conta momentos duros, momentos que tarde ou cedo acaban chegando a cada vida, pero teimamos por agochar. A finalidade do texto era calmar a imaxinación, non incitala, é dicir, desposuír de relato unha palabra: o cancro, marcada polo tabú e mais polo medo». Rexina Vega
Podes descargar e ler o artigo abaixo en PDF. Ademais, xa está dispoñible a gala de entrega en Afundación.TV
REXINA VEGA
(Vigo, 1966) é unha profesora universitaria e escritora de ficción. Comezou no ámbito do ensaio filolóxico con estudos como Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (Premio Ricardo Carvalho Calero 1997) e na tradución literaria, acadando o premio Stendhal por El secuestro (Anagrama), versión de La Disparition, de Georges Perec .
En 2007 publicou a súa primeira novela, Cardume, galardoada co Premio Xerais; en 2012 deu ao prelo Dark Butterfly (Xerais) e en 2017 Nadie duerme (Pepitas de Calabaza), versión que aparece retroautotraducida para o galego en 2019 como Ninguén dorme (Laiovento). Colaborou no volume Abadessa, oí dizer. Relatos eróticos de escritoras da Galiza (2017) (Atravès), na antoloxía Textos potentes. Atlas de literatura potencial, coordinada por Pablo Martín Sánchez (Pepitas de Calabaza 2019) e no volume de relatos Fisterra (Linteo 2022). En 2020 publicou, en Editorial Galaxia, a novela O estado intermedio e no 2024 o libro Do teu perfil na miña sombra, na mesma editorial.
Entre outras distincións cómpre sinalar o seu nomeamento como Cunqueiriana de honra 2021, o premio Alecrín de literatura o 2022, concedido por FEGALCAT e o premio Hai unha voz de 2023, outorgado pola Deputación de Pontevedra.
PREMIO AFUNDACIÓN DE XORNALISMO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
A figura de Francisco Fernández del Riego reúne as características esenciais que inspiran esta convocatoria: identidade coa lingua galega, espírito aberto e universal, compromiso ético e presenza activa no xornalismo. Homenaxeamos a súa figura e, a través deste premio que leva o seu nome, facemos extensiva a homenaxe a escritoras, escritores e xornalistas que contribúen decote á construción do discurso cívico en Galicia.
O premio está dotado con 10 000 euros e 2.000 para as persoas finalistas. Entre os gañadores podemos sinalar nomes tan importantes como Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, Inma López Silva, Cristina Pato, Míriam Ferradáns, Francisco Castro, Mar Mato ou Diego Ameixeiras, gañador da anterior edición.
Agora tamén podes facerte coa edición dixital que recolle todos os artigos gañadores do Premio desde o seu inicio ata o ano 2024. Entra AQUÍ!
FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010)
Foi unha das figuras máis queridas e significativas da cultura galega do noso tempo. Ensaísta, narrador, editor e xornalista, pertenceu á promoción de intelectuais que xurdiron ao abeiro do Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. A súa longa obra foi un servizo permanente a Galicia, comprometido cos seus procesos de modernización e reconstrución da súa identidade cultural e política.
Foi membro do Partido Galeguista e das Mocidades Galeguistas, animador dos programas en lingua galega na BBC, cofundador da Editorial Galaxia e codirector da revista Grial. Colaborou en moi diversas publicacións periódicas, dentro e fóra de Galicia, e ata finais de 2009 foi director da Biblioteca da Fundación Penzol. Doou a súa obra e o seu patrimonio intelectual á cidade de Vigo, onde residiu desde o ano 1940.
Aproveita para visitares a axenda web e decatáreste de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para informarte doutras actividades escénicas.
