XOSÉ MIRANDA RUÍZ gaña o XXIII PREMIO DE POESÍA Afundación

Xosé Miranda Ruíz gaña, co poemario As torres abolidas e baixo o lema Príncipe inconsolable, a XXIII edición do Premio de Poesía Afundación, que convocamos xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 44 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Míriam Ferradáns como secretaria e integrado por Marica Campo, Manuel Filgueiras Fernández e Modesto Fraga Moure como vogais, tivo lugar o 2 de outubro na Sede Afundación Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19). No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.
O xurado considerou que este libro de poemas presenta un «un traballo poético cuxo tratamento da nosa mitoloxía, con lucidez e acerto, o eleva ao nivel das mitoloxías clásicas. O autor, inclinado polas formas clasicistas, nomeadamente recorrendo ao soneto, logra a musicalidade e a altura da palabra, cun emprego habelencioso da ferramenta literaria; a nosa lingua propia. Así mesmo, no caso deste poemario, debemos salientar o tratamento dos ecos histórico-literarios e a vontade de estilo».
XOSÉ MIRANDA RUÍZ
Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Compostela, profesor de Bioloxía e Xeoloxía xubilado.
Libros publicados:
Poesía: Amantes e viaxeiros (1996). Sonetosfera (1996). Carozo azul (1997). Permiso para o corso (1997). As cidades mergulladas. Poesía reunida (1973-2002) (2003), Capitán dos teus ollos (2005).
Narrativa: Historia dun paraugas azul (1991). A biblioteca da iguana (1994). A neve na cadeira (1994). A tres bandas (1995). Partenoxénese (1995). Vestio (1995). O demo á orella (1996). Morning Star (1998). Infancia e desventura de Lino Carrán (2000). Triloxía pánica (2002). Tarxeta vermella (2003).
Literatura infantil e xuvenil: O coello Federico (2000). Lúa e os nubeiros (2000). Feitizo (2001). Ariadna (2002). Pel de lobo (2002). Álvaro e Álvaro (2004). Federico na silveira (2006). As mans do medo (2007). A nena pálida (2007). Piratas polo Miño (2007). Amancio Amigo e o Meigo de Salamanca (2006). Amancio Amigo e o demo da botella (2008).
En colaboración con Xoán Ramiro Cuba e Antonio Reigosa: Dicionario dos seres míticos galegos (1999). Antoloxía do conto de tradición oral (2001). Contos colorados: narracións eróticas da tradición oral (2001). Pequena mitoloxía de Galicia (2001). Colección Cabalo Buligán. 20 volumes (1998-2003). Cando os animais falaban. Cen historias daquel tempo (2002). Arrepíos e outros medos (2004). A flor da auga: historias de encantos, mouras, serpes e cidades mergulladas (2006).
Premios: Gañador do premio Modesto R. Figueiredo no 1988, por Na terra sombría. Premio García Barros no 1990, por Historia dun paraugas azul. Premio de narrativa fantástica Xenciana no 1994, por Partenoxénese. Gañador do VIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón no 1995, por Amantes e viaxeiros. Accésit do Premio Esquío de poesía no 1995, por Sonetosfera. Gañador do Premio Esquío de poesía no 1996, por Permiso para o corso. Accésit do Premio de poesía Miguel González Garcés de poesía no 1996, por Carozo azul. Premio Xerais no 1998, por Morning Star. Premio Merlín no 2002, por Pel de lobo. I Premio Literario Frei Martín Sarmiento (Categoría de 11 a 13 anos) no 2004, por Contos de parvos e pillos. I. Con Antonio Reigosa.