Documental "Omega" de Enrique Morente + concerto de Soleá Morente. A Coruña
Acreativa Screen ofrece o venres 9 de novembro o documental Omega de Enrique Morente, na Sede Afundación da Coruña. Presentarán a proxección Fernando Vacas e Soleá Morente, quen logo ofrecerá un concerto* no mesmo auditorio do Cantón herculino.
“A verdade é que eu tiña que ser rockeiro. Equivoqueime, pero naquel tempo facíase o que se podía", confesou Enrique Morente en 1973. Dúas décadas máis tarde, o cantaor granadino apropiaríase dos versos de Leonard Cohen como resposta a quen o acusou de traizoar as esencias do flamenco: "Condenáronme a vinte anos de fastío/ por tentar cambiar o sistema desde dentro/ Agora véñome desquitar".
Con Omega (1996), o mito de Enrique Morente proxectouse sobre uns Lagartija Nick en estado de graza, selando unha alianza transcendental entre tradición e vangarda. A partir desta revisión alucinada do imaxinario de Lorca e Cohen, o irmandamento do cante jondo coa cambra eléctrica superou os experimentos previos de Triana e Ketama, achegando aos paus tradicionais unha sensibilidade ferozmente contemporánea e que bebía directamente da obra de artistas tan dispares coma Scott Walker, Diamanda Galás, Tricky ou Sepultura. Un quejío desafiante, xurdido das ruínas aínda fumarentas do século XX, que atopou o seu eco na nova xeración de heterodoxos do flamenco encabezada por Niño de Elche, Rosalía, Rocío Márquez ou a propia Soleá Morente, quen comenta: "Eu diría que Omega é unha actitude na vida de defender o que un cre e pensa e facer o que a un lle dá a gana", desfaise en eloxios cara ao seu pai. "Por que rexerse polo purismo, a etiqueta, o sistema dominante, o réxime, o xénero? Admiro moito a valentía deste tipo de artistas que abren portas a novos mundos.
Acreativa Screen é o espazo de Acreativa para o cinema, curtas, documentais e proxeccións audiovisuais influenciadas ou conceptualizadas desde a experiencia musical.
*Acceso permitido a menores de 16 a 18 con autorización asinada e acompañad@s dunha persoa adulta.