Concerto PORTO MARESÍA. ANDRÉS SUÁREZ en Vigo
OS MENORES DE IDADE PODERÁN ACCEDER AO RECINTO PAGANDO A ENTRADA CORRESPONDENTE E TERÁN QUE ESTAR ACOMPAÑADOS POLO SEU PAI, NAI OU TITOR LEGAL.
Porto Maresía
O sentir especial que experimentamos ao intuír o recendo do salitre logo de pasar tempo lonxe do mar. O sabor a mar que nos fai sentir coma na casa. Iso é Porto Maresía: a música que nos traslada ata o lugar que é o noso fogar.
A música, coma o mar, arrólanos, sacódenos, refréscanos, mergúllanos. Apodérase de nós e sempre volvemos a ela. E, aínda que estiveramos un tempo lonxe das cancións en directo, era tempo de regresar. Benvidxs a Porto Maresía: concertos con sabor a sal.
Un ciclo auténtico cunha selección de artistas galegos que aúnan, baixo a súa figura, a tradición e os estilos máis actuais e variados da nosa escena, a ritmo de pop, rock ou canción de autor. Herdeiros da Crus, Ortiga, Andrés Suárez e Guadi Galego conforman a grella de excepción desta primeira edición de Porto Maresía, que atracará en Vigo e A Coruña a última fin de semana do mes de novembro. Todos eles representan -cada cal á súa maneira- o poder do autóctono, das nosas orixes, dunha identidade única e singular.
Os sons ao vivo destes catro artistas danlle forma e sentido a un ciclo que, organizado por Art Music co apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22, reivindica o poder da cultura galega, para difundir a nosa riqueza lingüística e musical nun evento festivo, atractivo e de calidade, que pon en valor o noso legado inmaterial.
Non deixedes de descubrir Porto Maresía: talento que bebe das nosas raíces e a nosa contemporaneidade da man de músicos que deleitarán as máis diversas xeracións.
Andrés Suárez
Sábado 27 de novembro
Apertura de portas: 20.15h / Concerto: 21.00h
Teatro Afundación (Vigo)
A historia de Andrés Suárez é o máximo exemplo de ata onde pode levar a combinación de constancia e talento. Dos bares de Ferrol a encher o Wizink Center madrileño. Esa frase resume a traxectoria deste cantautor galego que hai unha década foi tocar ao metro da capital e actualmente abarrota tanto teatros coma espazos míticos.
A discografía de Andrés é un compendio da súa evolución persoal: De ida (2002), Maneras de romper una ola (2008), Piedras y charcos (EP, 2010), Cuando vuelva la marea (2012), Moraima (2013), Mi pequeña historia (2015) e Desde una ventana (2017), que entrou directo ao número un de vendas na súa primeira semana de lanzamento.
En xuño de 2020 o galego estreou o seu oitavo disco, titulado Andrés Suárez, que acadou o nº 1 na lista de vendas físicas. Un disco homónimo de dez cancións, ateigado de luz, no que o artista se mostra como non fixera ata o de agora. Desde entón, Andrés Suárez percorre a xeografía española co seu impoñente directo, coa xira #AS2020/2, esgotando as entradas de todas as datas que anuncia.