PLANCTON 2025. Voluntariado ambiental na illa de Sálvora

O sábado 20 de setembro, máis de 80 persoas voluntarias participan nunha xornada de limpeza na illa de Sálvora, integrada no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Esta acción, enmarcada no Plan de Conservación Territorial PLANCTON, centrase na retirada de lixo mariño e na eliminación de especies de flora exótica invasora nas praias de Almacén, Area dos Bois e Zafra.
A limpeza de Sálvora consolídase como unha das intervencións recurrentes deste proxecto. Xa na edición do ano pasado, retiráronse máis de cincocentos quilos de plantas invasoras e máis de cen quilos de residuos das praias obxectivo.
A loita contra as especies exóticas invasoras constitúe un dos eixes principais de actuación do Parque Nacional, que desenvolve o proxecto europeo Life Insular. Esta iniciativa promove un adecuado estado de conservación dos hábitats das illas pertencentes á Rede Natura 2000 no Atlántico, ao tempo que aumenta a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático.
Descubre máis información sobre o proxecto PLANCTON AQUÍ
A actividade conta coa colaboración do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.