PLANCTON Boas prácticas para a conservación da Rede Natura 2000
Desde o proxecto PLANCTON buscamos sensibilizar o sector pesqueiro sobre prácticas sostibles, así coma aumentar o coñecemento sobre a Rede Natura 2000. Para traballar cara ao cumprimento destas metas, ofrecemos información dirixida á xente do mar para enraizar valores sobre biodiversidade e, coma neste caso, dar a coñecer as mellores accións para a súa conservación.
Embaixo pódese ver un vídeo sobre as reflexións de varias mulleres mariscadoras, ademais dunha guía de boas prácticas en PDF e varias imaxes.
VÍDEO Mulleres do mar II
Este vídeo Mulleres de Mar II recolle o testemuño dalgunhas das mulleres que participaron no proxecto PLANCTON, do que representa o mar para elas e de como mudou o traballo e a visión do sector a través das distintas xeracións. As protagonistas son Guadalupe Jueguen, Pupe, mariscadora, parquista e secretaria de Amarcarril; Rita Míguez, presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA); Carmen Dios Castro, presidenta das mariscadoras da Illa de Arousa, e Dolores Gondar Meis, vicepatroa da Confraría do Grove.
PLANCTON, impulsado durante 2021 por Afundación Obra Social ABANCA, permitiu a retirada de case 19 toneladas de residuos de areeiros e fondos mariños de distintas zonas costeiras de Galicia. Estes resultados foron posibles grazas á participación de preto de 800 persoas voluntarias de ABANCA e Afundación así coma de distintos colectivos do sector pesqueiro e marisqueiro e outras entidades que participaron directamente nas diferentes xornadas de limpeza en fondos e costas.
O proxecto PLANCTON conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP, e complementario ao proxecto LIFE-IP INTEMARES, e ten como gran obxectivo fomentar a conservación e a sustentabilidade das actividades socioeconómicas nas áreas de influencia das Zonas de Especial Protección de Aves Mariñas de Galicia (ZEPA) e outras da Rede Natura 2000.
MÁIS INFORMACIÓN sobre este programa.