Limpeza de defensas nos fondos da Illa de Arousa
Os integrantes da confraría da Illa de Arousa, sobre todo as mariscadoras, manifestaron á organización de PLANCTON e ao Concello da Illa de Arousa que existe un problema de acumulación de defensas nos fondos dalgúns areais. As defensas son pneumáticos empregados normalmente polas embarcacións e os portos para facilitar o atraque e evitar golpes entre os barcos. Estas defensas perdidas ou abandonadas nos fondos mariños supoñen un problema, tanto a nivel ambiental xa que é lixo contaminante, como a nivel económico xa que dificulta a realización da actividade marisqueira.
Ante esta situación, dende o Concello da Illa de Arousa e a dirección de PLANCTON colaboramos na solución deste problema, realizando unha limpeza de fondos xunta a confraría para retirar as defensas.
XESTIÓN DA ACTIVIDADE
Responsables da actividade: Luis Arousa, Concello da Illa de Arousa, Juan José Rial Millán, Confraría A Illa de Arousa, Saleta González, asistencia técnica e Pilar Alves de Afundación.
PARTICIPANTES
Confraría A Illa de Arousa: participan integrantes da confraría tanto pescadores como mariscadoras.
Voluntariado de Afundación: ademais da organización, precísanse un total de 20 voluntari@s que estean nunha condición física boa para cargar e arrastrar peso. Respecto á indumentaria aconséllase vir con luvas fortes e botas de auga.
Itinerario 1: Areais de Semuíño, Carbonera, Campo e Salga. Realiza o traslado de materiais o camión do concello con guindastre. Participan 20 pescadores e 10 voluntari@s de Afundación.
Itinerario 2: Areais de Sapeira, Cantiño e O Naval. Realizará o traslado de materiais o camión da confraría. Participan 20 mariscadoras e 10 voluntari@s de Afundación.
O Plan de conservación territorial-ON PLANCTON é un plan multidisciplinar co obxectivo principal de fomentar a conservación e a sustentabilidade das actividades socioeconómicas realizadas na área de influencia das ZEPA mariñas de Galicia, Rede Natura 2000 de ámbito mariño competencia do Estado, tratando de inculcar unha conciencia sostible en todos os sectores sociais. especialmente no pesqueiro.
Outras accións realizadas con PLANCTON:
Illote Guidoiro-Areoso [+INFO]
Illa de Arousa [+INFO]
Illa de Cortegada [+INFO]
Praias de Razo, Baldaio e Punta do Sal [+INFO]
Este proxecto conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP, e complementario ao proxecto LIFE-IP INTEMARES.