GOZA DA PRAIA SEN DEIXAR PEGADA, en Vilagarcía de Arousa
As praias galegas son moito máis que un destino turístico: son espazos de vida, de traballo e de tradición onde conviven bañistas e mariscadoras, lecer e economía, turismo e natureza. Compatibilizar todo iso non é tarefa fácil, pero é posible.
Cada verán, a través desta campaña enmarcada no noso programa PLANCTON, levamos aos propios areais unha exposición itinerante ao aire libre cunha guía de boas prácticas dirixida a turistas e bañistas. O obxectivo é sinxelo: informar, concienciar e animar a que as persoas realicen pequenos xestos que marcan a diferenza, como respectar as zonas de cultivo de bivalvo, non deixar residuos na praia ou usar protectores solares respectuosos co medio mariño.
Porén, o que fai especial esta campaña é quen a protagoniza. Son as propias mariscadoras das confrarías locais as que se achegan ás persoas que visitan as praias para transmitirlles de primeira man por que estas prácticas importan, poñendo cara e voz a un oficio que depende directamente do estado dos nosos mares.
«Goza da praia sen deixar pegada» é, en definitiva, un convite a gozar do verán doutra maneira: sendo conscientes de que cada pequena decisión que tomamos na praia ten un impacto real no mar, na súa biodiversidade e nas persoas que viven del.
Podes visitar a axenda web e descubrir todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para informarte sobre outras actividades escénicas.