PLANCTON 2022. Presentación do vídeo de Guidoiro - O Areoso
Presentamos na Casa do Concello da Illa de Arousa unha peza audiovisual coa que pretendemos poñer en valor o Illote Areoso, un enclave situado no corazón da Illa da Arousa cuns significativos valores ambientais, arqueolóxicos, xeolóxicos, paisaxísticos e económicos. O obxectivo é sensibilizar sobre a importancia de facer compatibles as actividades vinculadas ao turismo coa conservación desta contorna.
Esta nova iniciativa encádrase no proxecto PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial promovido pola Obra Social de ABANCA que procura, entre outros aspectos, fomentar a conservación e a sostibilidade das actividades socioeconómicas que se levan a cabo en diferentes zonas de especial interese medioambiental ao longo de toda a costa galega.
Os testemuños que se recollen no vídeo reflicten como no illote Areoso, de reducidas dimensións, empezan a notarse os efectos do maior índice de visitantes que se achegan ata este lugar, sobre todo nos meses do verán. Especialmente significativo é o elevado número de cabichas, restos de bolsas, envases de bebidas e envoltorios, tapas e tapóns, canos de beber, máscaras cirúrxicas, etc. retirados nunha das actuacións de limpeza realizadas este ano nos diferentes areais do illote por persoas voluntarias convocadas por Afundación.
Tal e como subliña na propia peza audiovisual o xornalista, divulgador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Gago, «é preciso harmonizar e compaxinar o uso turístico coas propias tarefas de investigación e de preservación do illote, un lugar que conta con incalculables valores arqueolóxicos, que fan do mesmo un verdadeiro laboratorio para o estudo dun dos elementos máis singulares da arqueoloxía da Europa Atlántica, unha illa panteón con múltiples enterramentos, que preserva moitos vestixios da vida dos nosos devanceiros ao logo de miles de anos».
Do mesmo xeito, Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, arqueólogo da Xunta de Galicia, subliña a «importancia e singularidade dos diferentes xacementos arqueolóxicos cos que conta o illote, desde o Neolítico ata a Idade do Ferro, vestixios do pasado que fan del un lugar verdadeiramente único, sendo preciso polo tanto compaxinar o desfrute do enclave por parte dos visitantes coa propia protección do patrimonio».
O especialista en Xeomorfoloxía do litoral da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Blanco-Chao, sinala que é preciso «minimizar no posible os impactos das visitas sobre o illote, xa que se trata dun sistema xeolóxico morfodinámico moi sensible, cunhas taxas de erosión que se teñen acentuado moito desde finais do século XX, coincidindo co incremento da presión turística experimentada a partir dese momento no lugar, un factor engadido que pode empeorar as fases erosivas que está a experimentar o illote de xeito natural».
Polo que respecta ás actividades socioeconómicas desenvolvidas no lugar, Juan José Rial Millán, patrón maior da Confraría de Pescadores de San Xulián da Illa da Arousa, insiste na importancia de «conservar en bo estado este enclave, xa que as ricas augas e fondos do Areoso son o lugar de traballo marisqueiro de 382 embarcacións, que dan traballo a máis de catrocentas familias da illa, unha das zonas máis produtivas no ámbito desta confraría.
A biodiversidade existente no Areoso xa soa paga a pena cunha grande variedade de hábitats e especies, en que se teñen detectado por exemplo varias parellas de gaivotón atlántico e no que crían tanto a píllara das dunas coma as gabitas, dúas especies consideradas vulnerables dentro do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e moi sensibles ás actividades humanas sobre todo durante a súa época de cría. Neste sentido, segundo a concelleira de medio ambiente, Gabriele von Hundelshausen, «a masificación que experimenta este espazo sobre todo nos meses do verán non é compatible coa propia preservación destes valores».
Esta iniciativa de divulgación forma parte de PLANCTON, así coma a exposición itinerante «Goza da praia sen deixar pegada», instalada actualmente na illa da Toxa e que invita as persoas que visitan as nosas praias a acoller toda unha serie de hábitos e boas prácticas respectuosas co medio mariño. Poderá visitarse tamén na Illa da Arousa do 1 ao 13 de agosto no Carreirón, para logo trasladarse a Vilagarcía da Arousa.