PLANCTON 2022. Limpeza de lixo mariño nas praias e costa do illote Guidoiro Areoso
O xoves 24 de marzo organizamos unha nova xornada de limpeza de lixos mariños no marco do plan de conservación territorial PLANCTON. Tralas tres limpezas precedentes coordinadas desde a nosa Obra Social de ABANCA nos fondos do illote Guidoiro Areoso, nas que mergulladoras e mergulladores con ampla experiencia da Confraría da Illa de Arousa e do Club Subacuático Pérez-Sub conseguiron retirar máis de catro toneladas de residuos, esta será a primeira ocasión na que a limpeza se leve a cabo en superficie, arredor de toda a liña de costa que circunda o illote.
Participarán nesta nova xornada de limpeza un pequeno grupo de persoas voluntarias integrado por representantes da Confraría e do Concello da Illa de Arousa, do Servizo de Patrimonio Natural e do colectivo de voluntarias e voluntarios de Afundación Actúa. Ademais da limpeza en si, esta actividade ten como obxectivo promover a concienciación entre a sociedade sobre a importancia da conservación dun enclave tan privilexiado como é o Areoso, promovendo actuacións responsables que contribúan a manter os recursos e a garantir a protección dos seus valores naturais e arqueolóxicos en consonancia cun aproveitamento sostible dos mesmos.
PROGRAMA DA ACTIVIDADE
10:50 h | Punto de encontro das persoas participantes:
- Porto do Xufre: embarcación da confraría
- Rampla da rúa Valle Inclán: lancha do Servizo de Patrimonio Natural
11:00 h | Saída cara ao Illote Guidoiro Areoso.
11:10 h | Limpeza dos areais do Illote.
12:50 h | Fin da limpeza e retorno ao punto de encontro.
13:00 h | Descarga e xestión do lixo no Porto do Xufre.
DINÁMICA DA ACTIVIDADE
Realización da recollida de lixo no areal e identificación, contado e pesado dos distintos tipos de lixo atopados.
Os grupos participantes farán o seguinte:
- Todo o lixo mariño que se recolle debe separarse segundo a materia prima ou a tipoloxía, contabilizarse para posteriormente pesar as distintas fraccións.
- Cada 4 persoas participantes (aprox) haberá un apuntador/a do lixo recollido no padrón subministrado.
- O resto de participantes deben comunicar o lixo recollido ao apuntador/a antes de metelo na bolsa/cesto.
A organización subministrará o padrón para anotar luvas, bolsas, cestos para facilitar a recollida.
PLANCTON 2022 é un proxecto multidisciplinar, enmarcado dentro da estratexia de sostibilidade de ABANCA e Afundación, que ten como obxectivo principal fomentar a conservación e a sostibilidade das actividades socioeconómicas que se levan a cabo en catro das Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño existentes en Galicia. No marco deste proxecto, que se iniciou en 2021, conseguíuse retirar ata o de agora preto de 20 toneladas de residuos das costas e fondos de Galicia.
MÁIS INFORMACIÓN sobre este programa.