PLANCTON. Retirada de residuos e flora exótica invasora das illas Cíes
O Plan de Conservación Territoral On (PLANCTON) liderado pola Obra Social de ABANCA, desembarcará na mañá do sábado 11 de xuño na illa de Monteagudo para levar a cabo unha dobre xornada de limpeza de lixo mariño e de retirada de flora exótica invasora no arquipélago das Cíes, dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Máis de 75 persoas voluntarias de Actúa, o programa de voluntariado de Afundación, traballarán durante toda a mañá en compañía de varios integrantes do Grupo Naturalista Hábitat, en distintos lugares do arquipélago nos que procederán á retirada de diferentes especies de flora exótica invasora, fundamentalmente Conyza canadensis. Esta é unha especie de orixe norteamericana introducida en Galicia a mediados do século XIX e amplamente espallada hoxe en día polos cinco continentes, por mor da falta de inimigos naturais nos lugares que coloniza e pola grande produción de sementes que xera ao longo de todo o ano. Tamén os brotes novos das acacias e dos eucaliptos serán obxecto prioritario desta acción de retirada. O resto de voluntarias e voluntarios que tomarán parte das actividades, dedicarán o seu esforzo á retirada dos residuos que atopen nos bordos e proximidades dos camiños, obxectos que por mor do vento e da climatoloxía poderían ter chegado ao mar, fundamentalmente cabichas e restos de envoltorios de snacks e aperitivos, canos de beber, tapas e tapóns, envases e outra serie de obxectos plásticos de difícil identificación.
Despois dos traballos da mañá, e trala máis que merecida pausa para xantar e repoñer forzas, as persoas voluntarias desfrutarán dunha interesante ruta interpretativa na que coñecerán de primeira man moitos dos tesouros que conforman o rico patrimonio natural co que contan as illas deste arquipélago.
Con esta, serán xa sete as actividades de retirada de lixo mariño levadas a cabo no seo de PLANCTON no que vai de ano, unha tempada na que xa se levan recollidas máis de cinco toneladas e media de residuos, superando con creces as 24 toneladas desde que principiara esta iniciativa no mes de marzo do pasado ano.
PLANCTON 2022 é un proxecto multidisciplinar, enmarcado dentro da estratexia de sostibilidade de ABANCA e Afundación, que ten como obxectivo principal fomentar a conservación e a sostibilidade das actividades socioeconómicas que se levan a cabo en catro das Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño existentes en Galicia. No marco deste proxecto, que se iniciou en 2021, conseguíuse retirar ata o de agora preto de 20 toneladas de residuos das costas e fondos de Galicia.
MÁIS INFORMACIÓN sobre este programa.