Escrita creativa: Palabra entre lindes. Literatura Híbrida. Parte I, en Vigo
Presentamos a primeira parte do obradoiro de escrita creativa impartido por Dores Tembrás e Antía Otero, fundadoras de APIARIO.
Queres escribir? Xa escribes? Poesía ou narrativa? A eterna pregunta... E por que non un híbrido?
Isto é o que propoñemos neste obradoiro. Atender a grandes autoras e autores que transitan unha literatura híbrida. A proposta é aproximarnos a aqueles territorios onde a palabra vai da poesía á prosa, do dramático ao poético, da ficción ao real como camiños bidireccionais que deron lugar a grandes obras da literatura ou do cinema. Este será o fío que nos permita centrar a proposta individual de escrita creativa das persoas participantes. Deternos nesas construcións entre lindes e analizar que ferramentas, códigos ou linguaxes se empregan para coñecer e identificar aqueles recursos estilísticos que poden enriquecer o traballo persoal. Este é o desafío.
E sempre a esixencia da palabra, o escrutinio ao que sometemos a construción artística. Trascender? Emocionar? E todo dende a precisión de grandes como V. Woolf, S. Plath, Paco Martín e Anxo Angueira. A segunda parte centrarase nos seguintes escritores, J. Mekas, Ch. Akerman, S. Beckett e G. Deustch.
Leamos. Ollemos.
Escribamos.
Programa
V. Woolf: Ao faro. Tecido poético na novela.
Da man de Virginia Woolf deterémonos no tecido poético dunha das grandes obras da literatura universal: Ao faro. O zoom sobre a obra levaranos a unha pregunta que se repetirá constantemente neste obradoiro: Que técnicas do poético se transfiren con éxito á novela?
S. Plath: A campa de cristal / Escolma poética. Sementando imaxes.
Sylvia Plath, que practicou con éxito novela e poesía, faranos ser observador@s privilexiad@s das ferramentas que xorden nese tránsito. Apreciando as técnicas que se trasladan dunha a outra. Visitaremos A campá de cristal e unha escolma poética que abarca os seus últimos anos de produción.
P. Martín: Muxicas no espello. Microrrelato ou poema?
Con Paco Martín, percorreremos Muxicas no espello. Podemos atribuírlle un xénero a esta obra? Microrrelato? Relato breve? Poema? Prosa poética? Importa? En absoluto. Porque o que intentaremos é penetrar nestas semblanzas, no mecanismo exacto que fai desta unha obra extraordinaria.
A. Angueira: Pensa nao / Escolma poética. Transfusión inter xéneros.
Fecharemos o bloque con Anxo Angueira, e co Pensa nao, obra imprescindíbel das nosas letras. Angueira é o modelo ideal de poeta escritor de novelas. Ademais consultaremos unha escolma poética que nos permitirá ver as pontes que se tenden entre obras.
Datas: Os venres, do 9 ao 30 de outubro
Horario: 18.30 a 21.00 h
Duración: 10 horas
Prezo: 75 €
Docente: Dores Tembrás e Antía Otero, APIARIO
Prazas: 15
Inscricións en Ataquilla
De non chegar ao número mínimo de inscricións (13 persoas), o taller cancelarase e devolverase o diñeiro da inscrición polo mesmo método polo que se realizou o pagamento. En caso de cancelación, avisarase antes do inicio da actividade ás persoas inscritas por correo electrónico.