Noemí Sabugal gaña o XLVI Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba
«Es un día de agosto. Una mujer amasa pan. Hace más de 30 años que esa mujer no hace pan y el olor remueve sus recuerdos». Así arranca o artigo «Escuchar es un arte», co que Noemí Sabugal resultou vencedora da XLVI edición do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba. O texto de opinión, publicado en Babelia, no diario El País, competía con dous artigos de Laura Ferrero e Fernando Iwasaki. O xurado, presidido polo académico e escritor José María Merino e que declarara finalistas os tres traballos na súa xuntanza do pasado 10 de decembro, volveu reunirse para decidir cal deles levaría o galardón. O nome de Noemí Sabugal incorpórase desde hoxe á relación de xornalistas galardonados do Premio Internacional Afundación de Xornalismo Julio Camba desde 1980, integrada por boa parte das mellores firmas do articulismo español dos últimos cincuenta anos.
Xa dispoñible en Afundación TV o acto de entrega, accede AQUÍ.
O premio para o artigo gañador está dotado con 10 000 euros e unha estatuíña do xornalista Julio Camba inspirada nunha caricatura de Siro López. A autora e o autor dos dous artigos finalistas, Laura Ferrero, quen presentara o texto «Que vengan a buscarte», publicado tamén en El País; e Fernando Iwasaki, que competía co artigo «A favor del sombrero», difundido en ABC, reciben cadanseu premio de 2.000 euros. O xurado destacou «a calidade» dos tres traballos finalistas. Do artigo gañador, referiuse á importancia da reivindicación da escoita, «a invitación para escoitar os demais, algo especialmente importante nestes tempos de ruídos». Ademais, sinalou a calidade estilística do texto «que mestura o literario co xornalístico».
Xunto a José María Merino, integraron o xurado, como vogais, Jaime Abello Banfi, director xeral da Fundación García Márquez; a xornalista e escritora Cristina Sánchez Andrade, gañadora do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba en 2019; Alberto Olmos, gañador da anterior edición do certame; e o tamén escritor e xornalista, e gañador do premio en 2011, Ramón Pernas. O director de Comunicación de ABANCA, Isaac González Toribio, actuou como secretario.
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet, abría a parte central do acto de entrega do premio cun discurso no que volveu sobre a figura de Julio Camba. «Desde unha esquina inesperada, case desde un curruncho do real», lembrou o presidente de ABANCA, «producía eses artigos que nos fan sentir o aire do novo, do inédito, se se quere». Escotet lembrou que os artigos de Camba (Vilanova de Arousa, 1882-1962), moitas décadas despois de seren escritos «continúan intactos, cargados do seu brillo inaugural, como se desde algunha cidade europea, Camba os enviase nas últimas horas».
O galardón entregouse no madrileño Hotel Palace no transcurso dunha gala retransmitida en directo a través de Afundación TV e que contou con representantes dos principais colectivos de informadores da cidade e de España, anteriores premiados e premiadas, xornalistas e escritores de recoñecido prestixio españois e latinoamericanos, e persoas procedentes dos ámbitos da cultura e da universidade.
Noemí Sabugal incorpórase a unha relación extensa de premiadas e premiados que, con case cincuenta anos de historia do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba, retrata un dos galardóns da súa categoría máis importantes en lingua española. Desde 1980, gañárono Gonzalo Fernández de la Mora, Luciano del Río Besada, Carlos García Bayón, Alfredo Conde, Bernardo Víctor Carande, Antonio Odriozola, Raimundo García Fernández, Adolfo Prego, José Montero Alonso, Rafael Landín Carrasco, Julio Sierra, Xesús Ferro Ruibal, Arturo Lezcano Fernández, Santiago Castelo, Torcuato Luca de Tena, Carlos Casares, Miguel Ángel Cuadrado, Juan Manuel de Prada Blanco, Diego Bernal López, Alfonso Eire López, César Casal González, Miguel Suárez Abel, Manuel Rivas Barros, Manuel Jabois Sueiro, Marino Gómez Santos, Eugenio Fuente, Fernando Savater, Felipe Benítez Reyes, Andrés Trapiello, Pedro Ugarte Tamayo, Ángela Vallvey Arévalo, Ramón Pernas López, José Manuel Otero Lastres, Ángeles Caso, Luis Ventoso, Ignacio Camacho, Ramón Loureiro Calvo, Miguel Anxo Murado, Ricardo Fernández Colmenero, Cristina Sánchez Andrade, Luis Pousa, Bibiana Candia, Manuel de Lorenzo Paradela, María Sánchez e Alberto Olmos, gañador da pasada edición.