Mercadiño Solidario - Espazo +60 A Coruña
As socias do Espazo +60 da Coruña de Afundación, Obra Social ABANCA, puxeron en marcha un mercadiño solidario cuxos beneficios se destinarán á ASOCIACIÓN GALEGA DE ATAXIAS (A.G.A.).
O acto de inauguración terá lugar o martes 21 de abril ás 17.30 h no Espazo +60 Afundación da Coruña, na Rúa Alta, 7, onde permanecerá aberto desde o 21 de abril ata o 29 de maio de 2026, de luns a venres en horario de 11.00 a 13.00 h e de 17.00 a 20.00 h.
Os produtos que se poden adquirir neste mercadiño solidario foron elaborados por persoas voluntarias do Espazo +60 da Coruña participantes no Obradoiro Solidario ao longo de todo o curso, dirixido pola socia voluntaria Loli Rodríguez Martínez.
Esta actividade está enmarcada dentro do programa «O valor da experiencia» da Área de Envellecemento Activo, que ten como obxectivo potenciar o papel activo das persoas maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades de voluntariado.
Neste mercadiño poderanse atopar traballos de artesanía e bixutería, desde roupa infantil ata manteis, bolsos e bolsas, bonecos, toallas bordadas ou con encaixe de Camariñas, xerseis…
Todo o recadado destinarase á A.G.A., Asociación Galega de Ataxias.
A Asociación Galega de Ataxias (AGA) é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa ás persoas afectadas pola enfermidade rara da ataxia, familiares e demais persoas sensibilizadas co tema, no ámbito territorial de Galicia.
A ataxia é un trastorno que se caracteriza pola diminución da capacidade de coordinación dos movementos corporais debido a un problema no cerebelo; é un signo clínico que provoca a descoordinación no movemento dos diversos músculos do corpo. Tamén se pode describir como un trastorno do movemento caracterizado por erros de velocidade, rango, dirección, duración, tempo e forza da actividade motora. É unha enfermidade do ámbito da neuroloxía que se manifesta nunha gran variedade de síntomas, aínda que o máis común é a perda de control muscular. Ademais, as persoas con este trastorno neurolóxico ven afectados os sentidos e desenvolven unha falta de coordinación dos movementos no corpo.
A OMS determinou que o día internacional para concienciar á sociedade sobre esta enfermidade é o 25 de setembro.
Achégate ao Espazo +60 e participa nesta fermosa iniciativa!