Mercadiño Solidario de primaveira - Espazo +60 Pontevedra
O vindeiro 20 de maio, en horario de 11:00 a 13:00 horas, o Espazo +60 de Pontevedra acollerá un mercadiño solidario cuxos beneficios estarán destinados ao Comedor de San Francisco.
Neste mercadiño poderanse adquirir produtos elaborados de maneira artesanal por persoas voluntarias que participan no Taller solidario, unha iniciativa que se desenvolve ao longo de todo o ano no centro e que está dirixida pola voluntaria Alcira García.
Entre os artigos dispoñibles destacan os amigurumis, figuras como bonecos e animais realizados con ganchillo e recheo para darlles forma tridimensional.
Esta actividade ten como obxectivo fomentar hábitos de reciclaxe, estimular a creatividade e a imaxinación, así como promover valores como a solidariedade e a cooperación entre as persoas participantes.
O mercadiño enmárcase no programa “O valor da experiencia”, da área de Envellecemento Activo, que ten como finalidade potenciar o papel activo das persoas maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades de voluntariado.