Exposición HÉCTOR FRANCESCH. Colección de Favoritas, en Vigo

Desde o 7 de maio está no Teatro Afundación Vigo unha mostra do artista Héctor Francesch, un percorrido por dúas décadas de creación, de 2004 a 2024, coas súas obras máis representativas, que amosan a evolución do seu talento e diversidade creativa. HÉCTOR FRANCESCH. Colección de favoritas está aberta ata o 27 de xullo de 2024.
comisaria | MATILDE RODRÍGUEZ
Especialista en ilustración contemporánea.
VISITAS GUIADAS
PÚBLICO FAMILIAR | 4 e 18 XUL | 18.00 h (Máx. 25 persoas) Inscríbete aquí
PÚBLICO XERAL | 4 e 18 XUL | 12.00 h (Máx. 25 persoas) Inscríbete aquí
Cultura por Alimentos
Para grupos, previa reserva:
PÚBLICO INFANTIL e ADOLESCENTE | Adaptadas a todas as idades con obradoiro STEAM/ sostibilidade
PÚBLICO ADULTO
2 €/ persoa
Máis información e reservas en areaeducativavigo@afundacion.org ou no 986 129 032
Unha mostra do proxecto CULTURA POR ALIMENTOS, o noso programa solidario en colaboración con FESBAL para axudar os bancos de alimentos locais. Asiste coa túa doazón!
As visitas guiadas tamén se acollen ao programa.
Ao longo da súa traxectoria creativa, Héctor Francesch (A Coruña, 1977) asinou unha obra plástica cun orixinal e recoñecible estilo; unha linguaxe visual única na que observamos unha gran riqueza de referentes da banda deseñada, a arte urbana ou a cultura popular. O proxecto, desenvolvido especificamente para a Sala de Exposicións do Teatro Afundación de Vigo, presenta unha coidada esscolma de pezas creadas por Francesch entre 2004 e 2024. É a «Colección de favoritas», as preferidas de entre
todas as súas creacións dos últimos 20 anos.
Asegura a comisaria da mostra, a especialista en ilustración contemporánea e xestora cultural Matilde Rodríguez, que o traballo de Héctor Francesch destaca pola súa «formulación gráfica», as linguaxes visuais actuais a partir das que configura as súas obras, e polo uso de cores planas e liñas definidas. Este enfoque reflicte a súa formación dixital. Mais Francesch elabora manualmente as súas obras. Esta obstinación polo artesanal «outorga un valor engadido ao seu traballo, centrado nos detalles, os acabados, e a constante investigación de materiais e soportes».
Un total de 37 obras conforman este percorrido, das que 12 son pinturas e as 25 restantes técnicas moi diversas que amosan a creatividade do autor e a súa investigación continua sobre materiais e soportes. En «Colección de favoritas» encontramos serigrafías, instalacións, videoarte, pintura expandida ou fotografías, ademais de pezas creadas a partir de ferro policromado, ou empregando monopatíns como soporte. Tamén forman parte da exposición a súa emblemática peza-obxecto For the love of sugar, realizada con gomas de azucre sobre un modelo de cranio humano ou a instalación Nube de lápices realizada con tanza e lapis de cores.
Francesch «desafía a dualidade entre a liberdade creativa e o rigor formal», afirma Matilde Rodríguez, «empregando obxectos cotiáns como base da súa expresión artística».
Héctor Francesch utiliza a palabra «refuxio» para definir o seu traballo. «Grazas a el podo facer que as cousas sexan como a min me gustan». Desde a súa primeira mostra no ano 1998 na Coruña, a súa obra ten formado parte de múltiples certames, como a IX Mostra Unión Fenosa, o Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo no que a súa obra foi adquirida en varias ocasións. Tamén obtivo o VIII Premio Auditorio de Galicia. Ademais, ten participado en feiras coma ArtMadrid ou Swab Barcelona e exposicións nacionais e internacionais, en Europa e América.
As creacións de Héctor Francesch forman parte dalgunhas das mellores coleccións de arte de Galicia e de España, entre as que se encontra a Colección de Arte de Afundación, que atesoura obras de Francesch desde fai 19 anos.
Aproveita para visitares a axenda web e saber de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes e tamén na nosa ticketeira Ataquilla.com para outras actividades escénicas.