Exposición GOYA-HELLBOY. Unha iconografía de monstros por Stéphane Levallois, na Coruña
Do 3 de xullo ao 31 de agosto, chega á Sede Afundación A Coruña o debuxante e creador de monstros por excelencia do cinema hollywoodiense, Stéphane Levallois, deseñador para películas coma Alien, King Kong, Parque Xurásico, X-men ou Harry Potter e colaborador habitual de Ridley Scott ou Bryan Singer. Ademais, é autor do cómic que editou o Museo do Louvre con motivo da súa gran mostra sobre Leonardo da Vinci. O artista francés reflexiona con esta exposición que vos traemos sobre o universo fantástico e monstroso de Goya, utilizando un dos monstros máis populares do cinema e o cómic do século XXI, Hellboy.
Visita o edificio do Cantón Grande e explora este verán "GOYA - HELLBOY. Unha visión da iconografía de monstros por Stéphane Levallois".
VISITA INAUGURAL
Con Stéphane Levallois e Asier Mensuro
14 AGO | 12.00 h
Asistencia gratuíta. Capacidade limitada.
ASIER MENSURO | comisario
A mostra pon en relación a obra de Stéphane Levallois, un dos lapis máis afiados do panorama internacional, cos trazos que dous séculos antes fixo un dos grandes mestres da pintura de todos os tempos, Francisco de Goya. Na mostra, o reputado artista francés reflexiona sobre a iconografía fantástica creada por Goya, das pinturas negras do Museo Nacional do Prado aos aquelarres e meigas dos óleos do Museo Lázaro Galdiano, incorporando a esta un monstro contemporáneo. Trátase de Hellboy, o personaxe creado por Mike Mignola. Levallois achégase así ao grafismo goyesco nun total de 72 obras e un vídeo en que se enfronta cara a cara á obra do xenial xordo aragonés. A exposición complétase con dúas ilustracións de Mignola: a portada da saga de Hellboy In the Chapel of Moloch e unha ilustración do personaxe que homenaxea o lenzo Átropos ou Las Parcas, de Goya.
STÉPHANE LEVALLOIS
Levallois colabora habitualmente con algúns dos mellores cineastas coma Ridley Scott ou Bryan Singer, e está detrás de moitos dos grandes éxitos cinematográficos da actualidade.
Do seu labor como concept artist naceron personaxes para películas icónicas, coma as das sagas Alien, Harry Potter, Jurassic Park, Piratas do Caribe, As Crónicas de Narnia, King Kong e A Illa da Caveira, Os Gardiáns da Galaxia ou os X-men. Ademais da súa contribución ao cinema, ten deixado a súa pegada en videoclips e publicidade para axencias líderes. No eido do cómic, sobresaen os seus traballos coma Los Desaparecidos de Orsay, por encargo do Museo de Orsay, así coma o aclamado Leonard2Vinci, encargado polo Museo do Louvre.
ASIER MENSURO
Mensuro é profesor do mestrado de Educación e Cómic da Universidade de Valencia. Ten comisariado máis de 200 exposicións, entre elas, un importante número de mostras de cómic, entre as que destacan ‘El arte del cómic’, ‘Homenaje a Roland Topor’, ‘Picasso Protagonista en el cómic español contemporáneo’, ‘Superpoderes’, ‘Sacrificio e ascensión, 15 anos de cómics de David Rubín’, ‘Homenaje a Luis Gasca’ e ‘Homenaje a Calpurnio’, ambas co-comisariadas xunto a Álvaro Pons, entre outras. Ademais, escribe habitualmente tebeos en diversos medios de comunicación como ABC, Descubrir el Arte, Muy Interesante, Muy Historia, e é autor de diversas monografías como ‘La pintura en el cómic’, na que firma como coautor canda Luis Gasca.