Mostra «Oficios entre lusco e fusco». O Grove

Visita ata o 26 de agosto nas salas de exposicións das Dornas e das Cunchas do Grove «Oficios entre lusco e fusco», unha mostra de Afundación, ABANCA e o Concello do Grove que afonda no mundo dos oficios tradicionais galegos a piques de desaparecer. O fotógrafo Xosé Abad é o autor das imaxes que conforman a exposición, coas que amosa a súa perspectiva sobre a desaparición destes xeitos de vida.
No actual contexto de crise, Xosé Abad interrógase sobre o desenvolvemento de determinados valores ata hai pouco indiscutibles: a calidade dos traballos, a súa realización con mestría e dedicación e a experiencia, un legado que parece lóxico transmitir ás xeracións futuras. Constatando que estas apreciacións están en franco retroceso, o autor detense a retratar un cambio social auspiciado polo crecemento do consumismo. En moitos casos, a mecanización dos traballos mellorou as condicións laborais dos oficiantes, mais tamén implicou a desaparición do seu xeito de produción, cambiado pola cadea de montaxe e pola deslocalización a países sen regularización de dereitos e con salarios moi baixos. O traballo «ben feito», o trato humano, a orixinalidade de cada peza, por seren valores en desuso, pasaron a ser, paradoxalmente, distintivos de luxo ao alcance de moi poucas persoas. Así pois, os oficios tradicionais están en vías de extinción nos países desenvolvidos. Quizais neste intre esteamos a vivir os derradeiros momentos da coexistencia entre dous xeitos de produción ben diferenciados, e por iso é importante documentalos.
As imaxes de «Entre lusco e fusco» simbolizan a decadencia dos oficios a través dun esquema de iluminación inspirado no atardecer, seguindo o esquema baseado en Caravaggio. Os claroscuros suxiren espazos e ferramentas, quedando ben definido o contexto en que se desenvolven os traballos e, asemade, documentada a presenza dos dignos representantes do seu gremio neses universos onde tantas veces se funden o privado e o laboral. O espectador é partícipe da atmosfera en que se levan a cabo eses oficios, redescubríndoos na medida da súa importancia e ocupándoos tamén con certa bagaxe afectiva.
Xosé Abad, nado en Figueres (1956), iniciou a súa andaina profesional como fotoxornalista en diversos medios de comunicación na década dos oitenta. A súa obra expúxose en diversas localidades galegas e en diferentes museos e institucións estatais e internacionais, recibindo diferentes premios polo seu traballo e traxectoria. Así mesmo, o artista colaborou en proxectos de diferentes ONG galegas e latinoamericanas. Desde o seu estudio realiza traballos de fotografía industrial e publicitaria, moda ou retrato. Como fotógrafo foi galardoado no I Certame de Creación Fotográfica Luis Ksado ou co Premio Pardela de Comunicación á traxectoria profesional, entregado polo Club de Amigos da UNESCO. Na súa actividade cinematográfica dirixiu varios documentais premiados en diferentes certames, sendo os máis actuais Isaac, O segredo da Frouxeira e A pegada dos avós.
María Patiño - Cesteira:
«Co primeiro que aforrei, meu pai mandoume mercar un cuxo».
Con máis de 80 anos, María segue hoxe a aceptar traballos e ofrecendo as súas cestas nas feiras para uso doméstico. Os seus descendentes xa non se dedicarán a este oficio.
José Vilas «Pucho» - Tipógrafo:
Entendido coma o oficiante que colocaba os tipos de chumbo para a súa correcta impresión con tinta, no obradoiro de Pucho, a vella Heidelberg segue a funcionar, de momento.
A presente mostra encádrase dentro do proxecto CORRENTE CULTURAL, unha aposta de Afundación por espallar cultura por toda Galicia, polas vilas e pobos, construíndo unha rede de calidade que leve coñecemento alén dos seus edificios nas urbes. As iniciativas que van conformar este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia. Buscamos apoiar a sociedade galega nas necesidades do século XXI desde a máxima do traballo ben feito.