«A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración». Compostela
Ata o 27 de xaneiro de 2017 podes saborear unha apaixonante escolma dos tesouros das Coleccións de Arte ABANCA e Afundación que falan da emigración. O Centro ABANCA Obra Social de Santiago, na Praza de Cervantes, acolle a mostra «A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración», unha proposta para toda a comunidade, onde poder ver e vivir grandes obras creadas ao longo do século XX por algúns dos nosos artistas máis sobranceiros, desde Castelao a Maruxa Mallo ou Isaac Díaz Pardo. O nexo que os anoa a todos nesta mostra é o representaren a súa experiencia vital sobre a emigración desde fóra das nosas fronteiras.
A mostra, comisariada por Carlos L. Bernárdez, reúne 44 obras de 20 artistas galegos que contan cun amplo recoñecemento tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras. «A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración» incide na achega cultural do fenómeno migratorio e a influencia que exerceu esta experiencia vital na evolución artística de cada un dos creadores escollidos.
O percorrido parte dunha das figuras chave na historia da arte galega: Castelao, cunha presenza da emigración constante na súa obra. A través del chégase a un segundo núcleo expositivo constituído polos artistas exiliados en América tras a guerra civil. Maruxa Mallo, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Eugenio Granell, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Laxeiro son algúns dos creadores destacados cando falamos da arte galega á outra beira do Atlántico. A través das súas obras podemos observar como evoluciona a súa produción artística, en que está presente o país que deixaron atrás e a nova realidade americana, adoptando as expresións dunha sólida renovación formal que os conectan coas correntes internacionais máis avanzadas.
A exposición finaliza cunha representación das novas xeracións formadas na posguerra, un colectivo que protagoniza un novo fenómeno migratorio, esta vez principalmente cara a Madrid, o centro do sistema da cultura dominante, e outras cidades coma Nova York ou París. Leopoldo Nóvoa, Jorge Castillo, Manuel Mampaso, Luis Caruncho, Antonio Lago Rivera ou Tino Grandío son algúns dos representantes desta segunda diáspora con creacións que forman parte da mostra.
Horarios e visitas
Luns a venres, 11.30 a 13.30 e 17.00 a 21.00 h. Sábados, domingos e festivos, 17.00 a 21.00 h.
Existen visitas comentadas para público en xeral e tamén programadas para centros escolares. Para máis información e reservas, 981 552 577 e areaeducativacompostela@afundacion.org
Nesta mostra dispós da aplicación de balde para Android e iOS, Colección de arte, para poderes ampliar información sobre as obras expostas. Enfoca a obra coa cámara do teu smartphone ou tablet e coñece a biografía do autor, gárdaa en favoritos ou compártea nas redes sociais!