Mostra: «Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación». Vigo
Presentamos a mostra «Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación» en Vigo. Do 10 de outubro ao 4 de xaneiro goza na Sede Afundación de Vigo de pezas de arte fundamentais de autores coma Wassily Kandinsky, Pablo Picasso, Castelao, José Manuel Broto, Rafael Úbeda, Urbano Lugrís, Luís Seoane, Menchu Lamas, Luís Caruncho ou Xaime Quessada, entre moitas máis figuras senlleiras da arte, presentes coas súas pezas nas coleccións de ABANCA e Afundación. Síguenos e descubre obras incribles cun nexo común: a música.
Esta mostra encádrase dentro do proxecto cultural SONORO EMPEÑO, que ofrece un compendio de actividades anovadoras e orixinais, con eixe na mostra homónima. Un universo de experiencias orientado a diferentes públicos e deseñado para gozar coa música en moitas das súas variantes, e do diálogo desta con outros conceptos coma a pintura, poesía, escultura, cinema, tecnoloxía, cociña ou ciencia. En conxunto, unha oferta encamiñada a xerar unha experiencia musical, sinestésica e inesquecible. A partir do 10 de outubro.
Infórmate polo miúdo do programa de actividades aquí!
A MOSTRA
A relación entre música e artes plásticas é unha constante que leva suscitado un enorme interese ao longo da historia. A pesar de se tratar de disciplinas distantes que se moven por diferentes canles sensitivas, as conexións e puntos de encontro son evidentes non só en canto a obxectivos expresivos comúns, senón tamén no intercambio de conceptos como ritmo, movemento, cromatismo ou variación. A cuestión sobre as conexións de música e artes plásticas ten sido motivo de reflexión, teorización e ensaio, dando lugar a vínculos de moi diversa natureza e a novas formas creativas.
Sobre esta premisa, establécese unha clasificación en catro seccións que abordan o tema desde diferentes perspectivas para ilustrar estas confluencias:
Iconografía musical. Unha das relacións máis evidentes entre artes plásticas e sonoras é a que atinxe á representación visual de escenas ou instrumentos musicais. As pezas expostas aquí ilustran tres temas básicos: o músico, o instrumento musical e a súa representación illada como único protagonista da obra.
Sinestesia. A utopía de formular unha pintura auditiva ou unha música visual, presente en toda a historia da arte, acada un desenvolvemento máis significativo cos movementos de vangarda, que materializan a través da hibridación sensorial a experiencia de ver os sons e escoitar as imaxes.
Festas e danzas. A representación pictórica da danza presenta un dos terreos máis propicios para a relación entre música e pintura, pois permite introducir nunha arte espacial os conceptos de dinamismo, ritmo e sonoridade, propios dunha arte temporal.
Música na infancia. A vinculación de imaxes de nenos e nenas a escenas ou instrumentos musicais, que conta cunha longa tradición pictórica, vai moitas veces ligada ás ideas de inocencia, espontaneidade e candidez, e asociada a instrumentos de timbre doce.
VISITAS GUIADAS
Para público xeral todos os xoves desde o 24 de outubro, agás 26 de decembro, 2 e 3 de xaneiro e festivos | 19.00 h | Entrada libre
Tamén para grupos | 1 € persoa| Concertando previamente data e hora no 986 129 032 ou no enderezo areaeducativavigo@afundacion.org
APP MÓBIL para visitar a mostra. Conéctate á rede Wi-Fi e descarga de balde a aplicación Colección de Arte na App Store ou Google Play para gozares de todo o contido adicional das nosas mostras.