Exposición AI: MORE THAN HUMAN na Coruña

Presentamos AI: More than Human, un ambicioso proxecto expositivo inmersivo e interactivo sobre intelixencia artificial. Cunha impoñente montaxe que ocupará toda a Sede Afundación A Coruña, AI: More than Human configura un estudo sen precedentes dos avances tanto creativos como científicos da intelixencia artificial, así como da evolución da relación entre os seres humanos e a tecnoloxía. Estará a partir de setembro na nosa sede do Cantón na Coruña.
En vindeiras datas, entradas á venda!
A mostra realiza un percorrido completo a través da historia da Intelixencia Artificial, desde as súas ancestrais orixes ancoradas na relixión sintoísta xaponesa ou no mito xudeu do Golem, pasando polos primeiros experimentos informáticos de Ada Lovelace e Charles Babbage, ou os importantes avances realizados durante a década de 1940 e ata a actualidade. Para iso, AI: More than Human reúne algúns dos proxectos de investigación actuais máis destacados, realizados por institucións como o Massachussets Institute of Technology (MIT), Sony Computer Science Laboratories, Google Research, o Departamento de Informática de Imperial College de Londres ou DeepMind Technologies, con instalacións artísticas que exploran as posibilidades creativas da IA nas súas obras, como o músico Kode9, ou o galardoado artista tecnolóxico Yoichi Ochiai entre outros.
AI: More than Human, desenvolvida en colaboración con ILUX Visual Technologiese a Universidad Intercontinental de la Empresa, estará organizada en catro seccións, The Dream of AI, a historia das distintas civilizacións e a súa relación coa creación de vida artificial; Mind Machines, un percorrido histórico desde as primeiras máquinas calculadoras ata a actualidade; Data Worlds, na que se expoñerá a vertente ética da aplicación da IA; e Endless Evolution, unha sección que explora o campo da vida artificial (A-life) e como aplicala á evolución humana.