Exposición LUCES NA ESCURIDADE. DA ECLIPSE ÁS MARABILLAS DO UNIVERSO, en A Coruña
Do 16 de xullo ao 22 de agosto, a Sede Afundación A Coruña acolle «Luces na escuridade. Da eclipse ás marabillas do universo», unha exposición desenvolvida en colaboración coa Asociación Galega de Astrofotografía Polaris.
Na mostra, exhíbense 23 imaxes de astrofotógrafos e astrofotógrafas con experiencia que teñen o obxectivo de ensinarnos os segredos que oculta o universo e a beleza que envolve as eclipses, así como de explicarnos con datos e desde un punto de vista científico que ocorre no espazo cando se producen estes fenómenos astronómicos. Poderás observar desde imaxes das manchas solares ata auroras boreais sobre o faro de Punta Nariga, ademais de nebulosas, cometas ou as grandes paisaxes da Vía Láctea.
Á parte das fotografías, a exposición inclúe un timelapse da eclipse solar, que che permitirá comprender o fenómeno en toda a súa magnitude, e un mapa interactivo que che amosará que é o que se verá desde a túa localidade e canto durará o evento. Ademais, aprenderás cales son os distintos tipos de eclipse e descubrirás o trío de eclipses que se poderán observar desde A Coruña nos próximos años.
Esta exposición enmárcase no noso programa solidario Cultura por Alimentos: se queres, podes traer unha doazón de alimentos non perecedoiros cando nos visites e depositala nos contedores da entrada. O teu xesto axudará as persoas que máis o necesitan.
Aproveita para visitar a axenda web e informarte de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa billeteira Ataquilla.com para descubrir máis actividades escénicas.