Exposición O DEBER DO NOVO. Colección de Arte Afundación e Colección MAC, en Madrid
A Colección de Arte Afundación é moito máis que un conxunto de obras. Con máis de cinco mil pezas, é a colección privada máis importante de arte galega contemporánea e un testemuño vivo da creación española e portuguesa dende o século XIX ata hoxe. Un patrimonio tan singular que a Xunta de Galicia a declarou Ben de Interese Cultural en 2015, recoñecendo así máis de cinco décadas de compromiso coa cultura. Un compromiso que nos leva, do 4 de xuño de 2026 ao 17 de xaneiro de 2027, ao Centro de Cultura Contemporánea Condeduque de Madrid (Rúa do Conde Duque, 9-11) para gozar da exposición O deber do novo.
Tomamos prestadas as palabras de Ramón Gómez de la Serna («O deber do novo é o principal deber de todo artista creador») e convertémolas no fío condutor desta exposición. Porque o novo, máis que unha moda, é unha actitude, unha necesidade, unha maneira de entender a arte e, con ela, o mundo. Baixo ese espírito, reunimos unha selección de 39 obras de artistas que abordan «o novo» con linguaxes propias: técnicas orixinais, estéticas persoais e unha potencia visual que non deixa indiferente a ninguén. Pintura, escultura, fotografía e pezas audiovisuais conviven nun percorrido que reflicte a riqueza e diversidade da arte contemporánea das últimas décadas.
O que fai especialmente singular esta exposición é a conversa que propomos entre a nosa Colección de Arte Afundación e a Colección MAC. 25 obras da primeira e 14 da segunda, seleccionadas con coidado polas comisarias Paloma Vela Garicano e Roberto García Nieto, encóntranse por primeira vez para revelar vínculos inesperados: afinidades temáticas, resonancias estéticas e linguaxes creativas que se recoñecen entre si a pesar de nacer en contextos distintos. Así, a mística urbana de Bosco Caride dialoga con César Galicia; o expresionismo onírico de José Hernández atopa eco en Alfonso Costa; e a forza cromática de Menchu Lamas e Antón Patiño conecta coa de Broto. Xunto a eles, nomes como Soledad Sevilla, Daniel Canogar, Pamen Pereira, Eduardo Arroyo, Alberto García-Alix, Susy Gómez, Leopoldo Nóvoa ou Alfonso Albacete compoñen un panorama que, no seu conxunto, é un retrato apaixonante da arte contemporánea.
A exposición convídanos a explorar a figuración en toda a súa diversidade, o reflexo da sociedade contemporánea, a intimidade do doméstico, a beleza silenciosa da natureza ou a tensión entre consumismo e evasión. Cada obra é unha porta aberta a novas formas de mirar, de pensar e de atoparnos con nós mesmos e nós mesmas.
Podes consultar a axenda web e descubrir todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén tes acceso á nosa billeteira en liña Ataquilla.com para informarte sobre outras actividades escénicas.