Exposición COMEDY WILDLIFE, en Madrid
Viaxamos a Madrid con COMEDY WILDLIFE, a exposición máis aclamada polo público en diferentes cidades europeas. Despois da súa itinerancia polas cidades galegas, aterra agora, o 27 de maio, no Museo Nacional de Ciencias Naturais para mostrarnos a cara máis divertida da vida salvaxe, un interesante diálogo con animais naturalizados procedentes das Coleccións do propio Museo. A exposición ten a súa orixe nos afamados The Comedy Wildlife Photography Awards, un premio fundado por Paul Joynson Hicks e Tom Sullam, que cada ano convoca a miles de participantes profesionais e afeccionados/as de todo o mundo desde a súa primeira edición no 2015. Na sala podemos contemplar unha mostra de fotografías seleccionadas desde o inicio do concurso ata o 2024.
Ven descubrila ata o 14 de setembro de 2025.
Exposición recomendada para familias!
Podes descargar embaixo de todo un PDF con xogos e actividades para a infancia para que fagan mentres descobren a exposición.
Un elefante no cuarto!
Non podemos negar que teñamos “un elefante no cuarto”. Ademais de contar co retrato deste espectacular mamífero, coa coñecida expresión tamén aludimos á actual fraxilidade dos ecosistemas do noso planeta, onde os chamados “animais salvaxes” representan unha parte fundamental e certamente prexudicada. Nos últimos tempos, esta crecente preocupación ambiental xerou multitude de reaccións, e tamén unha ineludible onda de mensaxes derrotistas. A miúdo estas resultan contraproducentes, ao provocar unha clara reacción de rexeitamento ou mesmo evasiva que busca minimizar esa angustia ― ecoansiedade― que produce enfrontarse a un asunto de tales dimensións.
Con todo, a crise ecolóxica que vivimos esixe que tomemos conciencia dese elefante. Un problema que non podemos eludir, e que require do compromiso de todas as persoas, como habitantes da Terra, para que se produzan os cambios necesarios co fin de reestablecer uns ecosistemas e especies que xa case só coñecemos a través das exposicións sobre natureza.
Para entender realmente os animais e as cuestións que lles afectan, temos que empatizar con eles como concidadáns/ás do mesmo planeta. Con este obxectivo, «COMEDY WILDLIFE. Premios de fotografía» introduce un eficaz e probado recurso: o humor. As fotos desta exposición sen dúbida cativaranche grazas ao encanto do reino animal. Son imaxes divertidas que transcenden idades e culturas, e nelas poderás identificar, de forma case máxica, calidades ou situacións humanas.
Sesenta fotografías son as que compoñen a exposición homónima do certame internacional, «Comedy Wildlife». As imaxes foron realizadas en distintos recunchos de todos os continentes e todas elas resultaron seleccionadas entre 2015 e 2022 como as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor no mundo, grazas á colaboración entre Afundación e Terra Espléndida e tras abarrotar en 2023 museos e centros de exposicións dos Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá.
Evitar as mensaxes e as imaxes «deprimentes» é o que busca este certame, e con el a exposición. Isto é o que asegura o cofundador dos premios The Comedy Wildlife, o tamén fotógrafo especializado na natureza Paul Joynson-Hicks, que «as cuestións de conservación e sustentabilidade da vida silvestre están a gañar impulso a nivel mundial, pero as mensaxes e as imaxes tenden a ser negativas, deprimentes e enervantes». E que por iso se animou, xunto aos fotógrafos de natureza Tom Sullam e Michelle Wood, a crear estes galardóns. Desde 2015, premian as imaxes máis divertidas de animais tomadas nun mundo «extraordinariamente belo e interconectado».
«Comedy Wildlife» é unha exposición que cativa toda a familia ao utilizar o humor e a sorpresa como unha forma efectiva de involucrar no encanto do reino animal. As imaxes son extremadamente populares, atraen todas as idades e transcenden todas as culturas e idiomas. Así, as 60 instantáneas seleccionadas mostran, nas posicións e momentos máis divertidos, a animais como tartarugas, mapaches, osos, pingüíns, etc.
Unha foto divertida de animais é incriblemente eficaz porque non hai barreiras para a comprensión, ou tabús que deben ser negociados. A imaxe aproveita o impulso polo antropomorfismo, que está ben documentado como un dos disparadores máis potentes para a empatía humana. Para entender realmente os animais e as cuestións que lles afectan temos que empatizar con eles.
Aproveita para visitares a axenda web e decatarte de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes! Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para outras actividades escénicas.