Mostra: «Vivir o mar». Sada

A mostra a pé de rúa «Vivir o mar» chega co final do verán a Sada. Este suxestivo percorrido pola obra fotográfica do recoñecido artista Philippe Plisson, que navega polas diferentes costas do mundo para amosarnos e homenaxear o medio mariño, estará na praza Suárez Picallo, do 28 de agosto ao 13 de setembro.
Nesta mostra colaboramos Lunwerg Editores, o concello de Sada e Afundación a Obra Social de ABANCA, dentro do programa Corrente Cultural, un proxecto con que pretendemos levar a arte a través das diferentes vilas de Galicia.
«Vivir o mar» componse dalgunhas das imaxes referentes do traballo de Plisson en que se recollen mariñas de todas as latitudes. Esta homenaxe ao medio mariño, e a todas aquelas persoas vinculadas a el, ilustra tamén o noso compromiso coa promoción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en concreto, Vida submarina, Acción polo clima e Educación de calidade.
A mostra componse de 35 paneis, entre imaxes e texto, articulados en 7 seccións: As 1000 caras do mar, Acariñando a terra, Construíndo
o mar, A conquista do mar, Desafiando ao mar, Gardiáns do mar e A batalla perdida. As emblemáticas fotografías de Plisson son o resultado de vinte e cinco anos de traballo en cincuenta países diferentes. A forza e a beleza das instantáneas axudan a sensibilizar e a visibilizar sobre o estado dos mares e océanos e invitan a adquirir un compromiso coa conservación do medio mariño, orixe e sustento da vida no noso planeta. Da súa vitalidade e conservación depende o mantemento de todo canto existe no mundo.
Con esta exposición, Afundación Obra Social ABANCA sae á rúa compartindo espazos de lecer, de paseo, e enriquecendo os momentos de encontro nos espazos públicos cunha achega cultural de primeira orde que reúne mensaxe, beleza, transcendencia e emoción.
Esta exposición está enmarcada dentro da campaña #ComprométomeA, en que se combinan moi diversas iniciativas de marcado carácter ambiental, cultural e formativo. Así, desde a mostra virtual «O mar nas coleccións de arte ABANCA e Afundación» ata a produción de audiovisuais, conferencias ou talleres educativos escolares, a Obra Social de ABANCA promove a concienciación sobre a importancia dos océanos nas nosas vidas e a necesidade de adquirir compromisos concretos con respecto ao mar e aos océanos, e ao medio ambiente na súa totalidade.