Exposición UNHA VIAXE SOLIDARIA E CREATIVA CARA Á VIDA, en A Coruña
Na Sede Afundación A Coruña, acollemos do 8 ao 30 de maio a V Exposición Colectiva «Unha viaxe solidaria e creativa cara á vida», en colaboración coa ONG Tierra de Hombres. Un ano máis, colaboramos con este proxecto expositivo no que participan máis de cincuenta artistas de pintura, escultura e fotografía de Galicia para recadar fondos en beneficio do programa «Viaxe cara á Vida» organizado pola ONG. A exposición, coordinada por Francis Marrouch, reúne obras de artistas como Amelia Secas, Ana Lamuño, Carlos Botana, Diego Pérez Dopico, Eva Quián, Lola Uriel, Noemí Penela, Paco Ascón, Pilar Cancio ou Tino Poza, entre moitos outros.
O obxectivo desta actividade de asistencia libre e gratuíta é recadar fondos para o programa mediante a adquisición de obras: todas as pezas poden adquirirse cunha doazón solidaria de 150 €, importe que se destina integramente ao proxecto.
«Viaxe cara á Vida» é un programa sanitario promovido pola Fundación Tierra de Hombres que facilita desde 1994 o traslado a España de nenas e nenos procedentes de países africanos cun baixo índice de desenvolvemento para seren intervidos de graves patoloxías que non poden ser atendidas nos seus países de orixe por falta de recursos e infraestruturas sanitarias adecuadas. No proxecto colaboran de forma altruísta hospitais da sanidade pública galega (o Hospital Materno Infantil Teresa Herrera de A Coruña, o Hospital Clínico de Santiago de Compostela e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo), equipos médicos, voluntariado e familias de acollida.
Hai nove anos, unha serie de artistas galegos embarcaron neste marabilloso proxecto de solidariedade, dirixido nos seus inicios por Celestino Poza Domínguez, e foi tal a enerxía e a calor que puxeron, que conseguiron que un gran público de apoio embarcase con eles. Convidámosvos a facer esta viaxe solidaria e a acompañarnos por un camiño cheo de luz.
A Fundación Tierra de Hombres España creouse en 1994 e a súa delegación en Galicia comezou as súas actividades no ano 2003, dentro do Movemento Internacional Terre des hommes, orixinado en Lausanne (Suíza) en 1960. A Fundación actúa en tres niveis: saúde materno-infantil, protección da infancia e promoción dos seus dereitos a través de proxectos de cooperación ao desenvolvemento en países de Asia, África e América Latina.
Podes atopar máis información sobre as súas actividades e colaborar coa causa en www.tierradehombres.org.
Consulta máis abaixo o tríptico para coñecer todas as obras que forman parte da exposición e, se queres coñecer o resto das nosas actividades, accede á nosa axenda web ou a Ataquilla.com.