Exposición OUTRAS HISTORIAS POSIBLES, na Coruña
OUTRAS HISTORIAS POSIBLES presenta o traballo de seis destacadas artistas nacidas na década dos 50, con fortes vencellos a Galicia, no persoal coma nas súas carreiras profesionais. Elas son Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré, mulleres cunha especial presenza na arte dos 80, grazas á súa innovadora visión. Esta exposición, coorganizada coa Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, explora desde a Sede Afundación A Coruña as súas creacións e descúbrenos como o seu legado influíu na arte contemporánea, ofrecendo novas perspectivas e reivindicando o seu espazo na historia. Coñece a súa obra nas salas de mostras do noso edificio na cidade herculina, do 10 de marzo ao 30 de maio de 2026.
Celebramos o talento, a dedicación e a creatividade destas seis mulleres que deixaron unha pegada imborrable no mundo da arte.
VISITA GUIADAS
INAUGURAL | 10 MAR | 19.00 h
PÚBLICO XERAL | 26 MAR, 9, 23 ABR, 7 e 21 MAI | 19.00 h
Comisaria | Susana Cendán
Colabora co noso proxecto solidario CULTURA POR ALIMENTOS, traendo unha doazón de produtos non perecedoiros para axudar os bancos de alimentos locais. Infórmate!
«Outras historias posibles» chega agora á Coruña no marco do programa de itinerancias da Cidade da Cultura. Así, a mostra recolle máis de 50 pezas e 40 documentos entre os que se atopan pinturas, esculturas, xilografías e debuxos que permiten apreciar o devir creativo de cada unha das artistas de maneira individual, sen obviar o contexto social e persoal no que se desenvolveron profesionalmente.
Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Branca Silva e Laura Terré non forman parte dun todo xeracional, as súas propostas son esteticamente dispares, algunhas teñen estudos académicos e outras non, e o feito de nacer na mesma década non constitúe ningún intento de unificar a diversidade de obras que se mostran. Máis aló de ofrecer unha listaxe de mulleres artistas baseado na recuperación de nomes, a historia que nos apetece contar mostra realidades que permaneceron ocultas, achegando significados descoñecidos sobre un conxunto de artistas extraordinarias; artistas que aman, paren, sofren, enferman, crían, cociñan, limpan, forman parte de proxectos expositivos, tocan instrumentos musicais, investigan, escriben e len poesía, esculpen, debuxan, pintan, gravan, experimentan e, en definitiva, crean. Para proporcionar unha visión integral das súas respectivas historias, tivemos en conta aspectos que abarcan o cotián, o privado, o que comunmente se adoita silenciar. Pero o que de verdade motivou a articulación deste proxecto foi, sobre todo, CELEBRAR. Compartir o talento dun grupo de artistas capaces de crear unha obra persoal, complexa e diversa, tanto formal como conceptualmente, e situala no lugar que lle corresponde.
DIDÁCTICA
- INFANTIL a 4º PRIMARIA | Visita-conto con taller | «Creadoras de fantasía»
- 5º PRIMARIA a 2º ESO | Visita-investigación con taller | «Descubrindo realidades ocultas»
- 3º ESO a BACH e C.F. | Visita guiada con taller opcional | «Outras historias posibles»
2 €/participante
Máis información e reservas a través de areaeducativacoruna@afundacion.org e no 981 18 50 60.
Exposición coorganizada por Afundación e a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
Aproveita para visitar a axenda web e decátate de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para informarte sobre outras actividades escénicas.