DIVERSA. Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación, en Pontevedra
A pluralidade como concepto central que nutre estilos, técnicas e perspectivas é a idea da que emerxe DIVERSA, Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación, que achega agora a Pontevedra unha selección das propostas máis representativas da ilustración actual. Nesta edición, a exposición explora como a variedade cultural, a conexión coa nosa contorna e as experiencias persoais das e dos artistas converxen para dar forma a un discurso visual que dialoga cos grandes retos e temas do noso tempo. Convidámoste ao Café Moderno Afundación en Pontevedra para descubrir unha creatividade fascinante. Agardámoste do 24 de marzo e ata o 20 de xuño de 2026.
comisaria | Matilde Rodríguez
VISITA GUIADA INAUGURAL
con Matilde Rodríguez
24 MAR | 19.00 h
Colabora co noso proxecto solidario CULTURA POR ALIMENTOS, traendo unha doazón de produtos non perecedoiros para axudar os bancos de alimentos locais. Infórmate!
Artistas | ADOLFO SERRA (Teruel), ANA JARÉN (Sevilla), ANDREW RAE (Londres), BODIL JANE (Ámsterdam), CATALINA RODRÍGUEZ VILLAZÓN (Asturias), EMILY ELDRIDGE (EE.UU.), HARSA (Zaragoza), INÉS IGLESIAS (Salamanca), INMA HORTAS (Lugo), MARCOS COVELO (Vigo), MARÍA GRANDE (Ourense), MARÍA MEDEM (Sevilla), MARIONA CABASSA (Barcelona), MARITZA BERTOLLINI (México), REBECA LOSADA (Lugo), RICARDO CAVOLO (Salamanca), RUNE FISKER (Dinamarca), SIMON BAILLY (Francia)
Esta exposición recolle unha selección de obras contemporáneas coa ilustración como base creativa, elaboradas con técnicas diversas que abranguen dende o gouache, a colaxe e a cerámica ata a animación dixital. O fío condutor de todas elas é unha creatividade e unha imaxinación excepcionais, que impulsan a innovación nas linguaxes visuais.
Baixo o concepto central da pluralidade cultural e identitaria, «Diversa» presenta en Pontevedra unha mostra representativa da ilustración actual. Na súa quinta edición, a exposición explora como a diversidade cultural, a conexión coa contorna e as experiencias persoais das e dos artistas converxen para construír un discurso visual que dialoga cos grandes desafíos do noso tempo.
A mostra destaca a convivencia de múltiples linguaxes dentro da ilustración, integrando tanto técnicas tradicionais como métodos contemporáneos —dende a ilustración dixital ata composicións híbridas—, o que evidencia a capacidade desta arte para reinventarse constantemente a través de novos formatos, materiais e tecnoloxías.
O título «Diversa» reflicte a riqueza temática das obras, que abordan dende cuestións íntimas —como a identidade e os procesos emocionais— ata temas sociais, como a igualdade e a sustentabilidade. A exposición eríxese así como un reflexo da complexidade dos nosos días, promovendo a inclusión e a representatividade a través dun mosaico de personaxes, culturas e contextos vitais.
Ademais, a mostra establece un diálogo coa biodiversidade e a natureza, explorando paralelismos entre a contorna natural e a creatividade humana. As obras reinterpretan a variedade dos ecosistemas, transformando o mundo vexetal, animal e floral en fonte de inspiración e protagonista das creacións.
«Diversa. Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación» consolídase como un espazo onde conviven tradición e vangarda, ofrecendo unha visión poliédrica da ilustración como ferramenta de expresión e reflexión na arte actual.
DIDÁCTICA
- INFANTIL a 4º PRIMARIA | Visita-conto con obradoiro: “Universo Diverso”.
- 5º PRIMARIA a 2º ESO | Visita-investigación con obradoiro: “Ilustrando un mundo diverso”.
- 3º ESO, BACHARELATO e C.F. | Visita guiada con obradoiro opcional: “DIVERSA. Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación”.
Prezo | 2 €/participante
Máis información e reservas a través de areaeducativapontevedra@afundacion.org ou no 986 333 210
Visita a nosa axenda web e decátate de todas as propostas culturais que ofrecemos. Tamén podes entrar en Ataquilla.com e informarte sobre máis actividades escénicas.