Exposición COMEDY WILDLIFE, en A Coruña
Despois de viaxar por Galicia co noso proxecto Corrente Cultural, agora COMEDY WILDLIFE, a exposición máis aclamada polo público en diferentes cidades europeas, recala nos nosos edificios, agora na cidade herculina. A través das fotografías seleccionadas no recoñecido Premio Comedy Wildlife Photo, dos anos 2015 a 2022, a exposición fai gala dunha magnífica colección de imaxes de natureza cunha singularidade: diferentes especies animais conectan co ser humano a través das emocións.
Moitas das fotos sacaranche un sorriso, e mesmo algunha che fará rir a gargalladas. Ven descubrilas á Sede Afundación A Coruña do 31 de marzo ao 12 de setembro de 2026.
Exposición recomendada para familias!
VISITA GUIADA INAUGURAL
31 MAR | 19.00 h
VISITAS GUIADAS XERAIS
16 ABR | 19.00 h
28 ABR | 18.00 h
29 ABR | 18.00 h
30 ABR | 18.00 h
14 MAI | 19.00 h
11 XUÑ | 19.00 h
Esta exposición enmárcase en CULTURA POR ALIMENTOS, unha iniciativa de Afundación a favor de FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). Accede e colabora doando algún alimento non perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos local.
Entra aquí e infórmate.
Sesenta fotografías son as que compoñen a exposición homónima do certame internacional, «Comedy Wildlife». As imaxes foron realizadas en distintos recunchos de todos os continentes e todas elas resultaron seleccionadas entre 2015 e 2022 como as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor no mundo, grazas á colaboración entre Afundación e Terra Espléndida e tras abarrotar en 2023 museos e centros de exposicións dos Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá.
Evitar as mensaxes e as imaxes «deprimentes» é o que busca este certame, e con el a exposición. Isto é o que asegura o cofundador dos premios The Comedy Wildlife, o tamén fotógrafo especializado na natureza Paul Joynson-Hicks, que «as cuestións de conservación e sustentabilidade da vida silvestre están a gañar impulso a nivel mundial, pero as mensaxes e as imaxes tenden a ser negativas, deprimentes e enervantes». E que por iso se animou, xunto ao fotógrafo de natureza Tom Sullam, a crear estes galardóns. Desde 2015, premian as imaxes máis divertidas de animais tomadas nun mundo «extraordinariamente belo e interconectado».
«Comedy Wildlife» é unha exposición que cativa toda a familia ao utilizar o humor e a sorpresa como unha forma efectiva de involucrar no encanto do reino animal. As imaxes son extremadamente populares, atraen todas as idades e transcenden todas as culturas e idiomas. Así, as 60 instantáneas seleccionadas que se presentan na Coruña mostran, nas posicións e momentos máis divertidos, a animais como tartarugas, mapaches, osos, pingüíns, etc.
Unha foto divertida de animais é incriblemente eficaz porque non hai barreiras para a comprensión, ou tabús que deben ser negociados. A imaxe aproveita o impulso polo antropomorfismo, que está ben documentado como un dos disparadores máis potentes para a empatía humana. Para entender realmente os animais e as cuestións que lles afectan temos que empatizar con eles como concidadáns do mesmo planeta.
DIDÁCTICA
- INFANTIL A 4º DE PRIMARIA | Visita conto con obradoiro | Comediantes da vida salvaxe
- 5º DE PRIMARIA A 2º ESO | Visita obradoiro | Sostibilidade e tecnoloxía para preservar o sorriso da vida salvaxe
- 3º e 4º ESO, BACHARELATO, CICLOS FORMATIVOS | Visita comentada con obradoiro opcional | The Comedy Wildlife
Prezo: 2 € / escolar
areaeducativacoruna@afundacion.org
981 185 060
Aproveita para visitares a axenda web e decatarte de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes! Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para outras actividades escénicas.