Exposición A CORUÑA NO TEMPO, na Coruña

A CORUÑA NO TEMPO é a cuarta das mostras que se poñen en marcha no marco dun proxecto máis amplo, Cidades no tempo, que contempla unha exposición en cada unha das sete principais urbes galegas. Tras Santiago de Compostela, Ferrol e Lugo, a proposta continúa o seu percorrido na Coruña co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia, traspasando os tópicos do seu carácter esencialmente rural.
COMISARIO | MANUEL GAGO
VISITAS COMENTADAS público xeral
14 XUL | 19.00 h
1 SET | 19.00 h
Completas!
O relato expositivo explora a cidade da Coruña dende as súas orixes ata a actualidade cunha combinación única de obxectos de alta cultura e cotiáns, obras de arte, documentación histórica, mapas e planos, recreacións virtuais, instalacións e escenografías, fotografías e publicacións. "A Coruña no Tempo" aborda a urbe dende diversas perspectivas e a través de distintos enfoques, poñendo nun espazo común a cultura, a economía, a estética, o urbanismo, o lecer e o sentir dunha sociedade dinámica, emprendedora, liberal e marcada polas influencias internacionais que tiveron o porto como punto de entrada. E é que o seu carácter marítimo non só tivo relevancia económica ao longo da historia, mesmo foi fundamental no desenvolvemento urbano da Coruña. Tomando a Torre de Hércules como partida, o percorrido lévanos dende a Cidade Vella ás primeiras industrias e grandes iniciativas empresariais privadas (Inditex, Estrella Galicia... ); dende a cidade das mulleres (María Pita, Isabel Zendal... ) á cidade ilustrada (Curros Enríquez... ). Moitas das pezas que artellan o relato desta exposición son resultado das investigacións realizadas nos últimos anos e que están transformando o coñecemento do pasado coruñés.
Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta mostra conta co asesoramento, como coordinador local, do xornalista e xestor cultural Rubén Ventureira. Na exposición colaboran institucións relevantes para esta cidade, coleccións particulares e recoñecidas entidades empresariais. Entre outros, figuran como cedentes a Biblioteca Pública da Coruña M. González Garcés, Biblioteca do Real Consulado, Arquivo Municipal da Coruña, Museo Arqueolóxico de Santo Antón, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo de Arte Sacro Colexiata Santa María do Campo, Banco Santander ou RC. Deportivo da Coruña.
Unha viaxe pola identidade urbana da Coruña
MITOS E ORIXES
O relato expositivo de "A Coruña no Tempo" parte na súa primeira sección dunha recreación a través de ilustracións animadas (de Miguel Robledo e Miguel Peralta) da historia da Torre de Hércules, ao redor da que conviven dúas lendas distintas: unha orientada ao Mediterráneo e outra ao Atlántico. Achegámonos por unha banda ao mito de Hércules, viaxando aos estremos do Mediterráneo para vencer o rei Xerión e, por outra, á viaxe do pobo dos milesios dende Babel ata a fundación da cidade de Brigantia e a construción do faro.
TRAMAS
A través deste apartado a mostra afonda (con documentos, planos, mapas, proxectos...) nas profundas transformacións urbanas da Coruña, condicionada pola súa particular xeografía a modo de península que se adentra no mar, o que contribuíu a un carácter urbano único. Esta sección tamén nos somerxe na organización da vida social ou nas grandes obras públicas.
• Abórdase a súa expansión urbana en competencia co veciño Burgo do Faro, núcleo urbano, pesqueiro e portuario e mesmo a súa toponimia, que garda a memoria do que foi a cidade.
• A historia do porto é fundamental para entender A Coruña como enclave estratéxico e económico. Dos proxectos para esta infraestrutura naceron espazos emblemáticos como os Xardíns de Méndez Núñez.
• Na Coruña naceu unha intensa industria e iniciativas empresariais de gran calado que fan esta urbe especialmente produtiva.
ESCENARIOS
Nesta sección explórase (con obxectos históricos, obras de arte ou fotografías) a cidade como espazo de interacción e intercambio social. Destácase con estas pezas a vinculación da Coruña co poder real, que propiciou o asentamento de importantes figuras institucionais na cidade transformando a súa estrutura social.
• Faise referencia á creación de organismos como a Casa da Moeda, a Capitanía Xeral ou a Real Audiencia do Reino de Galicia, que se sumaron a outras institucións creando unha sociedade que non existía na Coruña, o funcionariado.
• A educación é outro dos puntos importantes do relato, de feito en 1803 fundouse na Coruña a primeira biblioteca pública de Galicia, a Biblioteca do Real Consulado.
• Na Coruña dáse un feito curioso, é unha cidade que rende especialmente homenaxe á memoria civil cun gran número de esculturas e bustos en recoñecemento a figuras de moi diversos eidos.
CIDADE NARRADA
Unha cidade está tan construída con edificios como con palabras. Adentrámonos aquí na relación da Coruña coa literatura ou os medios de comunicación, que constrúen o relato vivo da cidade. A exposición lévanos, por exemplo, dende os xornais máis lonxevos como La Voz de Galicia aos máis recentes como La Opinión de A Coruña.
CIDADE QUE NÓS CONTAMOS
Unha cidade son, sobre todo, as persoas que habitan nela e que constrúen as súas memorias persoais a través dos espazos compartidos por todos. Inclúense aquí relatos de varios persoeiros recoñecidos na Coruña: Pancho Gallego, Suso Martínez, Emilio Quesada, Ana Romero Masiá, Isabel Ruso e Xurxo Souto.
LIÑA DO TEMPO
Non pertence a ningunha sección en concreto, é unha sección transversal a toda a mostra. Este apartado permítenos facer insercións nalgunha historia relacionada coa cidade a través de distintas pezas.
Pezas destacadas
DOCUMENTOS FUNDACIONAIS DA CIDADE
A mostra rastrea as raíces da identidade coruñesa, liberal e emprendedora, reunindo os documentos clave da fundación da cidade. A Coruña diferénciase doutras urbes por nacer cunha menor influencia do clero ou a nobreza que outros puntos de Galicia. Non se conserva o orixinal da coñecida como ‘carta puebla’ concedida por Alfonso IX en 1208, pero nunha confirmación posterior de Sancho IV (1286) indicábase con respecto ao territorio da Coruña que non recibisen na vila por veciños militares, nin monxes, salvo os de Sobrado. Conservada no Arquivo Municipal.
- O primeiro libro que se imprimiu na Coruña
Este libro que recolle as ordenanzas da Real Audiencia do Reino de Galicia (1679) é unha valiosa testemuña da aparición na cidade das institucións, sendo sede do principal organismo xurídico de Galicia durante séculos. É o primeiro libro que se imprimiu na Coruña do que hai constancia. Pertence a unha colección privada.
- Mapa da epidemia no S.XVI
Un excepcional documento para entender o tipo de comunicacións urxentes da época. Este é un bosquexo de 1598 da zona do Reino de Galicia afectada pola peste que se lle envía ao rei para informar da súa evolución. Aparecen cunha cruz as localidades afectadas, e curiosamente A Coruña resiste a epidemia a pesar de ter porto. Arquivo Xeral de Simancas.
- Cidade marítima - o porto - a Torre de Hércules
1772 «Paquebote da Súa Maxestade nomeado o Pizarro.» Arquivo de Indias. Este diario de viaxe coas notas do capitán é un documento de gran valor porque mostra como eran os barcos que facían as comunicacións cando se lle concedeu á Coruña ser sede dos correos marítimos con América (1764). Foi un gran salto na evolución da cidade ter contacto con América a través do seu porto.
A restauración da Torre de Hércules supuxo o gran proxecto da Ilustración na Coruña e en Galicia. A súa recuperación para a navegación comercial foi o primeiro cometido do Real Consulado da Coruña, fundado en 1785. Nel resultou fundamental o ilustrado coruñés José Cornide, que optou por non derrubala de tal maneira que a reforma protexeu a fábrica romana, garantindo a súa conservación ata hoxe. Chama a atención o documento coa relación de gastos da obra de restauración levada a cabo por Giannini de 1788 a 1790, porque mostra o detallado e exhaustivo control sobre o proxecto. A mellora das infraestruturas portuarias co reto de construír un porto importante fixo que cambiara a fachada da cidade. Os planos permiten comprender esa integración entre o espazo industrial e o de lecer, un gran reto que afrontou A Coruña no S.XIX. Os xardíns de Méndez Núñez, que aparecen nesta proposta deseñada polo enxeñeiro Celedonio de Uribe entre 1861 e 1870, son un exemplo dese desenvolvemento urbano paralelo ao porto.
FOTOGRAFÍAS HISTÓRICAS
- De pequena industria a gran polo industrial en 40 anos
A grande escala e gran resolución atopamos na exposición estas dúas imaxes panorámicas da Coruña tomadas practicamente dende o mesmo punto, pero con case 40 anos de diferenza. Unha oportunidade para comprobar polo miúdo a grande evolución que experimentou a urbe neses anos. Case a modo de película podemos ver diferenzas tales como o paso dos barcos veleiros aos de vapor ou a aparición do tren. A imaxe de Avrillon (1860) considérase a primeira panorámica da cidade.
- A gran testemuña gráfica da chegada da República a Galicia
Na exposición reprodúcese a grande escala, de maneira que se poidan recoñecer rostros, esta foto do 14 de abril de 1931. Esa tarde a nova corporación municipal saíu aos balcóns de María Pita para anunciar o novo réxime. A imaxe apareceu reproducida nos xornais da época. Colección privada.
OBXECTOS DE ALTA CULTURA
- Dos Alpes á Coruña. Unha historia de 7.000 anos
A peza máis antiga da exposición é este machado de xadeita localizado por Lugrís Freire preto das mámoas de Monte Alberto (Elviña). Unha recente investigación determinou que procede de canteiras dos Alpes. Alí foi tallado hai 7.000 anos. O feito de que aparecera na Coruña un obxecto dun lugar tan remoto deixa constancia das relacións comerciais nunha época tan distante. Real Academia Galega.
- A xoia do Barroco coruñés
Esta custodia de Mariana de Neoburgo (anterior a 1695) é a peza máis importante do Barroco na Coruña. Cun extraordinario valor estético, é testemuña do papel da cidade como espazo de referencia da Coroa en Galicia. E é que a cidadanía agardou a chegada da que sería a raíña consorte de Carlos II convertendo eses días nunha gran festa. A peza foi enviada pola Corte en agradecemento pola hospitalidade do pobo e é moi prezada polos coruñeses. Consérvase na Colexiata de Santa María do Campo, a principal igrexa da Cidade Vella.
- A mellor representación téxtil do escudo do Reino de Galicia
Esta Bandeira das Alarmas conservada no Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón representa a participación da sociedade civil na defensa do territorio galego durante a Guerra da Independencia. Supón a mellor representación téxtil do escudo do Reino de Galicia ata a segunda metade do século XX. E é que se tardou 150 anos en elaborar outra representación tan detallada.
CIDADE PRODUTIVA - EMPRESARIAL
- Fachada da primeira tenda de Zara
Instalación que reproduce a fachada da primeira tenda de Zara que Inditex abriu en 1975 na rúa Juan Flórez 64-66. Inditex é hoxe parte da propia identidade que a cidade proxecta ao mundo.
- Plano de 1963 da planta da cervexería de Estrella Galicia
Habilitada no mesmo lugar onde estivo a súa antiga fábrica. Construíuse despois de que esta se trasladara ao polígono da Grela en 1960. Arquivo Municipal da Coruña.
- Libro de rexistro de empregadas da Fábrica de Mistos
Símbolo da cantidade de man de obra, sobre todo feminina, que precisaron as emerxentes industrias da Coruña. Arquivo Municipal da Coruña.
- Ordenador con disco duro instalado no Banco Pastor
Símbolo da primeira informatización do mundo bancario e financeiro, un sector que se desenvolveu de maneira destacada na Coruña. Cedido polo Banco Santander.
FESTAS, TURISMO, MEMORIA CIVIL e DEPORTE
- Cartelería do verán coruñés
Ao longo de máis de cen anos, o verán coruñés converteuse na principal imaxe da cidade cara ao exterior. A exposición dedica unha parte a celebrar A Coruña, a través da reprodución de numerosos carteis de varias épocas, como unha urbe que se viste de gala no verán para propios e foráneos. De feito, ten unha das programacións culturais máis estables en Galicia: San Xoán, Feira do Libro, Teresa Herrera… A través destas publicidades fíxose sumamente popular o lema “ninguén é foráneo na Coruña”.
- Columbario – estrutura expositiva con 20 bustos e esculturas
A Coruña garda unha gran memoria civil. Resulta curioso como esculturas e bustos conmemoran por toda a cidade figuras que representan valores cívicos de resistencia, heroísmo, filantropía, curiosidade científica, creatividade artística ou idealismo político e social. Esta instalación a modo de galería dá boa conta de como foi cambiando a tipoloxía de heroes para a cidadanía coruñesa.
- O título esquecido
Hai escasos meses que a Real Federación Española de Fútbol recoñeceu a oficialidade deste título, a Copa de España de fútbol de 1912 gañada polo Deportivo da Coruña. O club conservaba o trofeo dende hai 111 anos . É a primeira vez que se mostra despois desa oficialización. O fútbol e o Deportivo forman parte da identidade coruñesa.
Experiencia interactiva
O Miradoiro
Atopamos durante o percorrido unha gran mesa con contido audiovisual e interactivo que nos permite mergullarnos na evolución da Coruña nas súas diferentes épocas. A tecnoloxía permite aplicar as pezas documentais e obxectos nun infográfico, cunha cartografía a grande escala da cidade.
Padróns
A exposición conta cun apartado especial onde se nos permite explorar, a través de fotografías, as pautas que definen a gramática visual da cidade. Nestas imaxes, que se amosan en caixas de luz, podemos ver a importancia na Coruña das súas míticas galerías, facendo un repaso polo racionalismo, o modernismo e a construción vertical.
Audiovisual - Toponimia
Baixo a trama urbana da cidade existe unha fascinante toponimia que garda a memoria do que foi antes. A exposición mostra un vídeo que nos permite explorar A Coruña dende esta perspectiva, baseado nunha investigación de Iván Méndez.
Comisariado
MANUEL GAGO MARIÑO
Comisario da mostra, é doutor en Ciencias da Comunicación pola USC, director da plataforma de divulgación cultural culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Especializado na confluencia entre cultura e tecnoloxía, e pioneiro de novos formatos dixitais de comunicación cultural desde finais dos anos 90, é responsable de numerosas iniciativas de posta en valor do patrimonio cultural, ademais de colaborador dos principais medios de comunicación do país, como La Voz de Galicia, a Radio Galega, El Progreso ou o Diario de Pontevedra. Como comisario de exposicións, Gago ten traballado con algunhas das máis relevantes institucións do ámbito galego e xestionado pezas dos máis destacados centros internacionais. Foi responsable das mostras "Ao pé do lar: memorias da cociña" (Fórum Gastronómico / Museo do Pobo Galego, 2010), "Galicia 100. Obxectos Comisariado para contar unha cultura" (Consello da Cultura Galega, 2016), "Alba de Gloria de Castelao: unha experiencia" (Consello da Cultura Galega, 2018) e "Galicia, un relato no mundo" (Fundación Cidade da Cultura, 2019). Como ensaísta e escritor, Gago ten publicado libros con éxito de público, entre os que destacan o ensaio Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora, 2012) co arqueólogo Xurxo Ayán, o libro de narrativa Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia (Xerais, 2013) e as novelas O Anxo Negro (Xerais, 2016), O exército de fume (Xerais, 2016) e Nus (Xerais, 2021).
Comité científico xeral
• Miguel Pazos Otón. Doutor en Xeografía. Profesor Titular de Xeografía Humana na USC
• Cristina Sánchez-Carretero. Antropóloga. Doutora pola Universidade de Pennsylvania. Científica titular do Instituto de Ciencias de Patrimonio (Incipit) do CSIC.
• Xaquín Núñez Sabarís. Doutor en Filoloxía Hispánica. Profesor titular do Departamento de Estudos Românicos da Universidade do Minho.
Coordinador local: Rubén Ventureira
Xornalista, xestor cultural e comisario de exposicións. Rubén Ventureira Novo (A Coruña, 1971) é autor de publicacións como Picasso Azul y Blanco. A Coruña: el nacimiento de un pintor (Fundacion Rodríguez Iglesias, 2014) ou Calendario Histórico de A Coruña (Asociación da Prensa da Coruña, 2017-2021). Coordinou o libro A cidade das mulleres. Veciñas ilustres da Coruña. Vol 1 (Asociación da Prensa da Coruña, 2021). Comisariou exposicións como Urbano Lugrís. Paredes soñadas (Afundación, A Coruña 2017), Fernando Rey. Cabaleiro do cinema (Kiosco Alfonso, A Coruña, 2017), Picasso. Visto por Edward Quinn (Museo Picasso de Buitrago de Lozoya, 2017), Gumersindo Pardo Reguera. Inspirador de Picasso (Museo Provincial de Lugo, 2016) ou Valor e mestría. Galicia como fútbol (Cidade da Cultura, 2019). Ademais –de 2013 e 2015– foi coordinador xeral do Acontecemento de Excepcional Interese Público. A Coruña. 120 anos despois – conmemorativo do 120 aniversario da primeira exposición de Picasso–, que constou de oito exposicións. É comisario da exposición Picasso, blanco en el recuerdo azul (Museo de Belas Artes da Coruña, 2023).
Comité científico local:
· Xulia Santiso Rolán. Casa Museo Emilia Pardo Bazán. Xestora e museóloga.
· Xosé Alfeirán Rodríguez. Profesor e catedrático de Xeografía e Historia no Ensino Secundario, historiador, comisario de exposicións e divulgador histórico-cultural.
· Alfredo Vigo Trasancos. Catedrático de Historia da Arte da USC.
· Felipe-Senén López Gómez. Arqueólogo e museólogo.
· Xurxo Souto. Músico, escritor e profesor de latín.
· Ana Romero Masía. Doutora en Historia e catedrática de Xeografía e Historia no Instituto Monte das Moas da Coruña.
· Jesús Ángel Sánchez García. Catedrático de Historia da Arte na USC e especialista en historia da arquitectura e do urbanismo en Galicia dos séculos XVIII ao XX
CATÁLOGO
Cada exposición conta con cadanseu catálogo que segue a estrutura da propia mostra, nun formato moi visual. Poderanse adquirir, a modo de colección, cun estoxo para gardalos.
Estrutura:
— Textos institucionais comúns a todos os catálogos de ‘Cidades no tempo’
• Presidente da Xunta de Galicia
• Presidente de Afundación
• Texto comisario: Manuel Gago
• Texto asesor: Miguel Pazos Otón. Urbanización e cambio nas cidades galegas
• Texto asesor: Xaquín Nuñez Sabarís. Cidades, que cidade? mapas, imaxinarios, representacións
• Texto asesor: Cristina Sánchez-Carretero. Escoitar e habitar a cidade patrimonial
CIDADES NO TEMPO
O proxecto xeral explora o modelo urbano galego, conformado por pequenas cidades ‘híbridas’ que se imbrican coa paisaxe e fortemente vinculadas. Unha malla urbana que conforma a base da gran ‘cidade xardín’ soñada polos intelectuais de Galicia ao longo do século XX.
Cada exposición é unha indagación interdisciplinar ao redor da herdanza das sete grandes cidades de Galicia, e como ese legado colectivo se conecta coa nosa identidade e memoria individuais. Por iso, exploramos a cidade non só a través das súas trazas urbanísticas e históricas, senón tamén do patrimonio inmaterial que foi conformado ao longo do tempo e que converte a cidade nun espazo de vida, interacción social e memoria. A través da antropoloxía, a lingua, a xeografía, a literatura ou as artes descubriremos o longo e rico proceso de conformación das identidades urbanas de Galicia.
A mostra evidencia tamén o carácter singular e diverso de cada unha das cidades. Cada unha conta un relato propio que se constrúe no tempo e que representa tamén unha parte da nosa sociedade. CIDADES NO TEMPO parte do mito fundacional que recoñecemos en cada unha das sete grandes urbes (Vigo e a industralización, Lugo e a conquista romana, Santiago e as reliquias do Apóstolo…) e compárao coa realidade documentada a través da historia para revelar o que contan e o que esconden de si mesmas.
«Cidades no tempo», un dos grandes proxectos do Xacobeo, está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación, a Obra Social de ABANCA.
























