Exposición A CORUÑA, ARTE E TEXTURA. RAÚL VELLOSO, na Coruña
Do 5 de febreiro ao 21 de marzo, visita a exposición A CORUÑA, ARTE E TEXTURA. RAÚL VELLOSO, que reúne vintenove obras do artista nos andares -1 e 0 da Sede Afundación A Coruña.
A mostra reúne un total de vinte e nove obras do artista galego, das cales vinte e cinco se presentan por primeira vez, creadas expresamente para esta ocasión. O artista ofrecerá visitas guiadas varios días á semana, nas que presentará persoalmente as obras e compartirá o seu proceso creativo coas persoas visitantes.
Recoñecido polo seu estilo curvilíneo na interpretación arquitectónica, que lle valeu o sobrenome de “pintor dos edificios viventes”, Velloso traslada nesta exposición vinte edificios á cidade da Coruña. A mostra inclúe diversas interpretacións de construcións emblemáticas da cidade herculina, así como igrexas e espazos singulares. Entre as pezas destacan tres versións da Torre de Hércules, tituladas Ouro, Prata e Bronce, nun aceno á figura mitolóxica de Hércules.
A exposición complétase con dous cadros inspirados en deportistas da antiga Roma e cunha selección de figuras femininas. Tras unha década sen ampliar a súa serie de mulleres xaponesas, o artista recupera as súas gheisas como tributo á industria téxtil, xunto cun personaxe galego en homenaxe ás traballadoras do mar.
Raúl Velloso (Cangas do Morrazo, 1965) é un artista de formación autodidacta que se inicia na pintura na década dos anos noventa, durante a súa estancia en Barcelona. Desde entón, a súa traxectoria foi constante e sólida, con presenza expositiva en Cataluña, Mallorca e Galicia, así como noutros puntos de Europa, como Suíza, Portugal ou Francia (París). Tras ese periplo vital e artístico, o pintor regresou á súa vila natal, onde instalou novamente o seu taller e desde onde continúa a traballar e a expoñer con regularidade.
As creacións de Raúl Velloso presentan claras concomitancias coa ilustración. A súa obra semella observar a realidade a través dun espello deformante, no que os volumes se expanden, as liñas ondulan e a figuración se caricaturiza, dando lugar a escenas cheas de fantasía e dun encanto difícil de definir. O seu paisaxismo, marcado por esta visión singular, combina tradición e vangarda dentro dunha figuración libre e imaxinativa.
O propio artista lembra con orgullo un encontro decisivo da súa xuventude: sendo moi novo, atopouse á porta do Museo Picasso de Barcelona co pintor Antoni Tàpies, quen o animou a seguir pintando desde unha vocación libre e autodidacta, interesándose por unha obra aínda incipiente, pero xa dotada dunha personalidade singular.
Comezou a expoñer en Vigo en 1995, nun café frecuentado por pintores, e ese mesmo ano presentou o seu traballo no Centro Galego de Barcelona, dando axiña o salto á prestixiosa galería René Metras. A súa última gran exposición institucional, celebrada na Sede Afundación en Vigo no ano 2004, confirmou a Velloso como un creador distinto, capaz de integrar influencias do postcubismo, do dadá ou mesmo de Fernand Léger, cunha execución coidada que, malia aparentar espontaneidade, revela un labor minucioso, case artesanal, con superficies compartimentadas e fortes contrastes cromáticos.
Recoñecido con mencións no Concurso Internacional de Arte Nova da sala Parés de Barcelona e noutros certames organizados pola Generalitat de Cataluña, a súa obra atópase hoxe espallada por diversas cidades europeas. Como el mesmo afirma: “Pinto para divertirme, sen ataduras nin influencias. Creo os edificios desde as seiscentas perspectivas en que os ve a miña mente e plásmoo como un xogo interior, no que o pincel é o xoguete que o leva a cabo”.
Para esta exposición na Coruña, Velloso atopou unha fonte de inspiración especial no modernismo da cidade herculina, que define como un auténtico agasallo: unha arquitectura exquisita que seleccionou, bosquexou e pintou, converténdoa no fío condutor desta mostra.
Exposición en colaboración coa Xunta de Galicia.
Aproveita para visitares a axenda web e decatarte de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para te informares sobre outras actividades escénicas.