ESPAZO ABERTO E NATUREZA. Unha exposición SIMULTÁNEA, en Ourense

O 10º aniversario de Afundación, Obra Social ABANCA trae unha festa creativa que celebra por toda Galicia a arte e a cultura. A través do macroproxecto SIMULTÁNEA: sete exposicións, en sete cidades, a Colección de Arte Afundación pasa a ser analizada e organizada como nunca antes, creando un diálogo entre obras, épocas e autores que centra o foco en elementos identitarios de Galicia, máis alá da habitual orde cronolóxica. Unha das mostras do proxecto é ESPAZO ABERTO E NATUREZA, na Sala de Exposicións Afundación Ourense, que recolle obras clave da historia da arte de Galicia desde o século XIX á actualidade, sobre o espazo natural. Do 9 de outubro ao 25 de xaneiro de 2025, na cidade das Burgas.
Comisariado | PALOMA VELA
Coñece todo sobre o noso macroproxecto expositivo SIMULTÁNEA, AQUÍ.
ILUSTRACIÓNS AO VIVO con David Rubín
Apúntate ás ilustracións ao vivo con SIMULTÁNEA. O ilustrador ourensán chega á nosa sala de exposicións para plasmar a súa creatividade ao vivo no marco do macroproxecto artístico.
9 XAN | 18.30 h
Entrada libre.
Estuda deseño gráfico e lánzase ao mundo do cómic, a animación e a ilustración. Coa súa primeira obra longa, El circo del desaliento (Astiberri, 2005), é candidato como autor revelación no Salón Internacional do Cómic de Barcelona de 2006, gaña o primeiro premio Castelao, e edítase en galego, castelán, italiano e francés. A súa seguinte novela gráfica, La tetería del oso malayo (Astiberri, 2006), tamén publicada en Francia, Italia e a República Checa, leva catro candidaturas aos premios do Salón Internacional do Cómic de Barcelona 2007, logra o galardón ao autor revelación e acredítao como finalista do I Premio Nacional do Cómic.
Posteriormente, Cuaderno de tormentas (Planeta, 2008 / Astiberri, 2018) é candidata a mellor debuxo de novo na cita de Barcelona. Codirixe Espíritu del bosque, unha longametraxe de animación CGI, e adapta ao cómic Romeo y Julieta (SM, 2008), de William Shakespeare, e El monte de las ánimas (SM, 2009), de Gustavo Adolfo Bécquer. Ilustra a colección de relatos Solomon Kane (Astiberri, 2010), de Robert E. Howard, e somerxe na actualización en cómic do mito de Heracles cos dous tomos de El héroe (Astiberri, 2011 e 2012).
A continuación, ocúpase consecutivamente dunha adaptación do poema épico Beowulf (Astiberri, 2013), en colaboración con Santiago García, dous spin-offs de Battling Boy, de Paul Pope, centrados na personaxe de Aurora West, dos que se publicaron ambos os dous tomos: El momento de Aurora West e La caída de la casa West (Debolsillo, 2014 e 2015), así como La Ficción, canda o guionista Curt Pires (Astiberri, 2015), e Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas, realizado con Miguelanxo Prado (coedición de Astiberri e Acción Cultural Española, 2015).
Ademais, realiza canda Marcos Prior a novela gráfica Gran Hotel Abismo (Astiberri, 2016) ao tempo que se embarca en Ether (Astiberri, 2017), a súa terceira incursión no mercado do cómic americano, xunto a Matt Kindt. Tras estar traballando nun episodio de Black Hammer 2. El Suceso, con guión de Jeff Lemire, (Astiberri, 2018), embarca na triloxía de Ether (Astiberri, 2017-2020), e un arco de tres tomos da serie Rumble (Astiberri, 2019-2020), con guión de John Arcudi e Cosmic Detective, xunto con Jeff Lemire e Matt Kindt. El Fuego (Astiberri, 2022) é a súa última obra como autor completo.
VISITAS GUIADAS
A partir do 17 de outubro, cada xoves, ás 19.00 h
Inscricións AQUÍ
PASAPORTE SIMULTÁNEA
Convidámoste a viaxares por Galicia adiante e aproveitares para ir visitando cada unha das nosas exposicións SIMULTÁNEA nas sete principais cidades galegas. Con visitares 3 delas e selares o pasaporte, entras nun sorteo!
Comeza a desfrutar do periplo, descubrindo a arte e a tradición galega en cada espazo. Ao final do camiño, igual tes premio!
Solicita xa O TEU PASAPORTE AQUÍ.
CULTURA POR ALIMENTOS, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos FESBAL, tamén forma parte das sete exposicións de SIMULTÁNEA. Colabora cos bancos de alimentos locais, accedendo á mostra e ás súas actividades paralelas cunha doazón de alimentos non perecedoiros. Grazas!
A ilusión compartida que nos move. Infórmate aquí
A MOSTRA
Desde unha perspectiva artística, o espazo natural é o afastado do humano, libre da nosa intervención, e que cativou a nosa atención, conmovido as nosas emocións e servido de revulsivo para a reflexión desde o momento en que pasou de ser escenario a protagonista da arte.
Para entender o lugar que ocupa a natureza na nosa cultura, é moi útil regresar a fontes grecorromanas como as Bucólicas de Virxilio, que abren a ventá a aquela Arcadia idealizada a través de diálogos entre pastores, ou á Historia natural de Plinio o Vello, unha auténtica enciclopedia de carácter descritivo cunha gran presenza de vida salvaxe en todas as súas formas. Non será ata o século XIV cando xurdan testemuños dunha percepción máis íntima e contemplativa da paisaxe a través de exemplos como A ascensión ao Mont Ventoux, de Petrarca, na que a relación coa natureza evoluciona cara a unha expresión máis rica, complexa e reflexiva.
Estas diferentes visións do natural ao longo da historia conducen inevitablemente a diversas formas de representación da paisaxe na arte, o que acabou por asentar a súa consideración como xénero independente no século XVIII. A partir dese momento, ábrense múltiples posibilidades á temática paisaxística, que pode ser tanto fidedigna como imaxinativa, sublime ou temperada, de liña ou de cor; pode ser tanto a impresión da orografía como a expresión daquilo que os artistas senten fronte á natureza. Nas obras da Colección de Arte Afundación contemplamos microcosmos presentes nun relato plural que transita desde o clasicismo romántico, pasando polo rexionalismo, ata chegar á abstracción a través da produción de case medio cento de artistas que ilustran a diversa e potente presenza da natureza e a paisaxe na creación artística galega desde o século XIX ata a actualidade. Os lugares da memoria, a Galicia máxica ou a melancolía son algúns dos temas que con frecuencia visitan os artistas galegos nas súas representacións paisaxísticas.
Corenta e dúas obras e trinta e nove artistas constitúen esta exposición, onde destacan artistas coma Castelao, Serafín Avendaño, Imeldo Corral, Manolo Paz e os vinculados a Ourense como Jaime Quessada, Antón Pulido, Virxilio Fernández ou o internacional Dario Basso, moi vinculado á cidade das Burgas.
APARTADOS
CAMPOS DE COR
Na arte contemporánea, a paisaxe deixa de ser unha mera representación da natureza e convértese nun espazo de reflexión e exploración. Son obras que utilizan a natureza como medio para expresar ideas ou impresións, poñendo o cromatismo ao servizo de preocupacións estéticas, expresivas ou emocionais. Cando a natureza é obxecto de admiración e contemplación, convértese en paisaxe. E nesta sección vemos diferentes paisaxes expresadas a través dun uso protagonista e, en ocasións, desbocado, da cor. Unha potencia xeradora de imaxes que, aínda que adopten unha forma indefinida, conseguen transmitir unha escena lexible e emotiva.
TRAZOS DE LUZ
A luz é unha ferramenta fundamental na arte para a creación de contrastes, a definición de texturas ou a transmisión de sensacións de volume e profundidade. Pero, ademais, é un recurso esencial na representación paisaxística, non só para describir o momento do día, a estación ou a situación da escena, senón que, ademais, posúe a capacidade de comunicar emocións en función do seu uso. O dramatismo conseguido con abruptas sombras, a serenidade coa apagada luz da mañá, a melancolía que encerra a luminosidade tenue e sombría, ou o vitalismo que transmite un día radiante, son só algúns exemplos.
ESPAZOS HABITADOS
A pegada humana é case inevitable e os espazos abertos acaban por experimentar, antes ou despois, modificacións froito da intervención do ser humano. Nesta selección, encontrámonos cunha arquitectura recreada que deixa patente a clara desvantaxe do artificial fronte a unha natureza rotunda e poderosa. Os camiños e os seus camiñantes cobran un gran protagonismo nestas obras, ao contemplarse como sendeiros silandeiros e reflexivos que simbolizan a introspección á que anima a natureza. En definitiva, escenas que nos falan dunha harmónica e desexable convivencia entre o humano e o natural.
HORIZONTES
O horizonte é un elemento fundamental na nosa percepción visual do mundo e ten diferentes interpretacións segundo o contexto no que se utilice. Na arte occidental simboliza o límite, non só do mundo visual, senón tamén de cara ao transcendente, de aí que sexa un recurso de gran forza expresiva. A súa representación ordena a escena e evita o caos, ao tempo que exerce de recurso ao servizo da profundidade ou como metáfora do inalcanzable.
O BOSQUE FRAGMENTADO
O mundo natural e os seus compoñentes están tan interiorizados no inconsciente colectivo, que mesmo ao realizar representacións fragmentarias podemos comprender o seu significado. A textura da madeira, as cores naturais ou mesmo as formas orgánicas permiten aos artistas facer uso do natural para a realización de obras conceptuais, con linguaxes abstractas ou con intereses expresivos ou matéricos. É a mirada do espectador a que interpreta estas obras coas claves que nos dá a nosa ancestral vinculación coa natureza.
CATÁLOGO
O proxecto SIMULTÁNEA, coas súas sete exposicións nas sete urbes galegas, recóllese neste traballo que pretende centrar a ollada nas relacións e diálogos que enriquecen a lectura da Colección de Arte Afundación alén do seu interese cronolóxico. Este catálogo, pois, é un reflexo da diversidade de ópticas con que foi analizada e organizada desta volta a Colección. Foron sete especialistas quen abordaron as introducións de cada un dos sete capítulos:
José Manuel García Iglesias, MODO RETRATO; Asunta Rodríguez, O OBXECTO CONTEMPORÁNEO E DOMÉSTICO; Carlos L. Bernárdez, ESCENAS DE COSTA E MAR ABERTO; Federico L. Silvestre, ESPAZO ABERTO E NATUREZA; Miguel Ángel Cajigal, ABSTRACCIÓNS E MENSAXES CIFRADAS; Mercedes Rozas, ARQUITECTURAS NARRADAS; Pilar Corredoira, VOAR COA IMAXINACIÓN.
Coñece todo sobre o noso macroproxecto expositivo SIMULTÁNEA AQUÍ.