«Enredadas», na Coruña
A Sede Afundación da Coruña recibe a mostra «Enredadas» a partir do 21 de setembro e ata o 8 de outubro, unha proposta que se enmarca na terceira edición do Festival Mar de Mares, programa multidisciplinar que se celebrará entre o 21 e 25 de setembro en diferentes recintos da cidade herculina, e que se prolongará ata finais de novembro coas exposicións. Este encontro cultural, educativo e lúdico, pretende reivindicar a preservación do mar a través desta e outras exposicións, a proxección dun documental, música, degustacións, actividades de reciclaxe, gastronomía e vela, que este ano será o deporte estrela do encontro.
«Enredadas» é un proxecto co que as redeiras artesás de Galicia, das asociacións Atalaia da Garda e Illa da Estrela de Corme, demostran que é posible reciclarse e manter vivo un oficio tradicional e artesanal. Desde 2012, as redeiras participan en accións formativas dirixidas por profesionais do sector da moda e o deseño, o que as converteu nun dos máximos expoñentes da artesanía galega. Esta mostra presenta os prototipos das pezas de artesanía feitas por elas, que agora son xa produtos listos para a súa comercialización, e que poderán adquirirse na nosa tenda na Sede e no Mercado do Mar.
Ademais, as redeiras levarán a cabo unha demostración en directo o día da inauguración, o 21 de setembro ás 19.00 h., brindándonos a oportunidade de coñecer de primeira man a súa experiencia e boas artes. Podes visitala do 21 de setembro ao 8 de outubro.
www.artesaniadegalicia.xunta.gal
Coa colaboración da Xunta de Galicia | Artesanía de Galicia
Horarios
De 9.00 a 21.00 h. Entrada de balde.