Teatro O MUNDO ESTÁ ROTO, PERO PÓDESE CAMIÑAR, en Vigo

Esta obra de teatro bonita e emotiva para público familiar, poderá verse o domingo 2 de xuño no Teatro Afundación de Vigo en horario de mañá, ás 12.00 h. O espectáculo narra a situación tráxica que vive unha nena á que lle morreu súa nai. O seu pai envíalle mensaxes en avións de papel con pequenas tarefas que ela debe cumprir, coma ir devolver un libro á biblioteca... A ventá que se lle abre aos libros e a relación coa bibliotecaria cambiaranlle a vida. Esta é a historia que conta a obra teatral O mundo está roto, pero pódese camiñar.
Reserva as túas entradas en Ataquilla.com
O acceso será mediante a doazón de alimentos non perecedoiros co gallo de Cultura por Alimentos, o programa social que creamos para axudar os bancos de alimentos, en colaboración con FESBAL, Federación Española de Bancos de Alimentos. Ademais, é necesario retirar unha invitación na web Ataquilla.com.
O mundo está roto, pero pódese camiñar é unha coprodución de tres compañías: a vasca Tanttaka Teatroa, a galega Contraproducións e mais a valenciana Albena Teatre. O texto orixinal é do celebrado escritor vasco Harkaitz Cano. Represéntase, en función do lugar no que estean, nunha das catro linguas estatais. Dirixe o espectáculo Fernando Bernués, en cuxa traxectoria de 40 anos con Tanttaka Teatroa asinou montaxes moi celebradas en Galicia, e en toda España, coma El Florido Pensil ou Novecento. A versión en galego é do autor, director e actor vigués Cándido Pazó.
A obra está pensada para que a desfruten as nenas e nenos e as persoas adultas de máis de 8 anos. Na trama, o pai loita para axudarlle á súa filla a saír do mundo de incomunicación no que se adentrou logo da temperá perda da nai. A biblioteca é unha sucesión de xanelas ao mundo. O pai, a través da bibliotecaria, faralle chegar citas literarias, relatos breves e poemas á súa filla. Moitos anos despois, a nena, xa escritora, volve á biblioteca e conta o acontecido.