Diálogos sobre Lonxevidade e Envellecemento - Coa filósofa e profesora Anja Machielse e a doutora Sara Marsillas
Envellecer con sentido: propósito, recoñecemento e resiliencia
Neste diálogo, Anja Machielse, en conversación con Sara Marsillas, abordará o envellecemento desde unha perspectiva filosófica e social. Unha ollada centrada en como nos adaptamos aos acontecementos vitais que adoitan marcar esta etapa —a xubilación, as perdas, os cambios nos roles ou na saúde— e en como podemos seguir construíndo unha vida con sentido.
A conversa poñerá o foco no envellecemento significativo: o proceso no que a persoa percibe que a súa vida ten valor, que importa a outras persoas e que continúa conectada a algo máis amplo —persoas, comunidade, valores ou contribución—. Desde a súa traxectoria investigadora, Machielse afondou na importancia do recoñecemento social, a pertenza e a resiliencia como piares para afrontar a soidade, a perda de propósito ou a fraxilidade relacional que ás veces acompaña a vellez.
Que significa realmente envellecer con sentido e por que é relevante nun contexto de maior lonxevidade? De que maneira afectan as perdas —de persoas, de roles, de capacidades— á nosa identidade? Que é a resiliencia dinámica e como se cultiva na vellez? Que papel xoga a comunidade na construción dunha vellez significativa?
Anja Machielse é filósofa, profesora emérita de Humanismo e Resiliencia Social, así como catedrática de Resiliencia Social das Persoas Maiores na University of Humanistic Studies, en Utrecht (Países Baixos). É unha das principais investigadoras europeas no estudo do sentido vital, a soidade e a resiliencia na vellez. Esta autora combina enfoques filosóficos, sociais e empíricos nas súas investigacións. O seu traballo puxo o foco en como as persoas maiores constrúen e sosteñen o significado das súas vidas en contextos de cambio, perda ou vulnerabilidade. Neste marco, ocupa un lugar central a tensión entre a autonomía individual e as esixencias da contorna social.
As súas achegas cuestionan os modelos normativos do envellecemento activo e subliñan a importancia dos vínculos significativos, a continuidade da identidade, a axencia persoal e a validación emocional como piares dun envellecemento significativo.
Sara Marsillas é doutora en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, Mestrada Universitaria en Xerontoloxía e Mestrada en Psicoloxía das Organizacións, Xurídico Forense e de Intervención social. Premio á Mellor investigadora nova na área de ciencias sociais pola SEGG e profesora externa no Mestrado en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria (MOPS).
Traballa como investigadora na Fundación Matia Instituto, onde desenvolve proxectos de investigación e acción nacionais e internacionais, relacionados coas soidades, a esfera emocional, o envellecemento activo e significativo combinando metodoloxías de investigación e cocreación.
DIÁLOGOS SOBRE LONXEVIDADE E ENVELLECEMENTO
Un ciclo divulgativo e científico no que da man de expertos e expertas abordaremos de maneira accesible e amena, tanto diferentes aspectos da investigación científica que nos axuden a entender mellor o envellecemento desde unha perspectiva multidimensional, como os factores cotiáns e sociais que inflúen en como vivimos e envellecemos, sobre os que podemos incidir dunha maneira directa.
DIÁLOGOS ANTERIORES
Accede ao primeiro diálogo: "É posible reverter o envellecemento? Pode ser o futuro da saúde?" Cos doutores Manuel Serrano e Manuel Collado
Accede ao segundo diálogo:: "Que papel xoga o sistema inmunitario no envellecemento saudable? Podemos reforzar as nosas defensas inmunitarias para envellecer con máis saúde?" Cos doutores María Mittelbrunn e Manuel Collado
Accede ao terceiro diálogo: "Pode a ciencia descubrir por que e como envellecemos? Servirá iso para ter un envellecemento máis saudable?" Cos doutores Myriam Gorospe e Manuel Collado.
Accede ao cuarto diálogo: "Cando o cerebro envellece: retos e esperanzas" Coas doutoras Ana María Cuervo e Isabel Fariñas.