DIÁLOGOS CON PEPE SOLLA. Achegándonos a... TERESA TÁBOAS. AfundaciónTV
Teresa Táboas, arquitecta, fala o 15 de outubro con Pepe Solla desde o Café Moderno de Pontevedra para AfundaciónTV. Un encontro duns 60 min no que ademais se sortearán dous menús degustación para dúas persoas en Casa Solla, o restaurante do chef. A primeira persoa que chame durante o transcurso do directo será a gañadora. O teléfono facilitarase durante o diálogo.
A doutora en arquitectura e experta en planificación e deseño urbanístico e de vivendas Teresa Táboas Veleiro falará sobre a configuración dos nosos fogares con relación á pandemia. A necesidade de poder contar con espazos abertos nas vivendas foi interiorizada por gran parte dos colexios de arquitectura, co fin de promover construcións que conten con zonas exteriores. A reputada arquitecta repasará con Pepe Solla as novas tendencias xurdidas a raíz dos efectos da pandemia, entre outros temas.
TERESA TÁBOAS
Filla de emigrantes ourensáns do Carballiño e Beariz, naceu na Cidade de México en 1961. Doutorouse en Arquitectura coa tese A cor en arquitectura, dirixida polo recoñecido César Portela, coa que obtivo a máxima cualificación Sobresaínte Cum laude. Colaborou durante 6 anos no Estudo de Arquitectos de César Portela (Premio Nacional de Arquitectura). Desde o ano 90 en que desenvolveu o seu propio estudo veu centrándose en numerosos proxectos de edificación e urbanismo, moitos deles galardoados en diferentes concursos de arquitectura en Galicia.
Ademais, foi presidenta da Delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia, decana-presidenta do Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia, sendo a primeira muller en acceder a ese cargo; vicepresidenta do Instituto Tecnolóxico de Galicia; conselleira titular do Consello Superior dos Colexios de Arquitectura de España, sendo a segunda muller desde 1931; nomeada polo Consello Superior de Arquitectura de España como participante nas comisións Urban Issues e Enviroment and Sustentaible Architecture; desde 2005 a 2009 ocupou o cargo de Conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia; Medalla de Ouro da Universidade Anahuac da Cidade de México; deputada no Parlamento de Galicia de 2009 a 2012 como Portavoz do BNG nas áreas de Urbanismo, Transporte, Infraestruturas e Emigración e un longo etcétera de cargos destacados no seu ámbito profesional, mesmo a nivel europeo.
Ademais das súas funcións laborais, publicou diversos libros: Emigración e Arquitectura 1999 Deputación Provincial de Pontevedra; Jamilpa 2003 Editorial Espacio; Emigración e Arquitectura "Os Brasileiros" 2004 Alais Edicións e Les Amazones 2013 Editorial Pluralia
Colabora habitualmente con artigos en revistas especializadas e prensa.