Descubre historias de vida na nosa Biblioteca Humana. Espazo +60 Ferrol
O 22 de marzo a Asociación Xeración en colaboración co Espazo +60 Afundación de Ferrol crearán unha biblioteca humana, que consiste nun evento público en que se crea un ambiente o máis parecido a unha biblioteca. Desta maneira componse de estanterías, dicionarios, espazos de lectura, bibliotecarios, lectores e, por suposto, libros.
O funcionamento é bastante sinxelo. O público (lectores) chega á biblioteca e atopa no mostrador de entrada un organizador (bibliotecario) que se encarga de informalo do listado de libros (catálogo) dispoñible coas súas correspondentes referencias. Cando o lector ten claro con que persoa quere falar (é dicir, que libro quere ler) o bibliotecario encárgase de presentalos, adecuar un espazo de lectura e de invitalos a comezar a conversa (préstamo).
Durante dito préstamo o lector terá a oportunidade de descubrir a historia da vida do libro así como de establecer un diálogo honesto con el. Rematada a conversa, o lector debe devolver o libro podendo, se así quere, solicitar un novo préstamo.
A biblioteca humana é unha ferramenta moi potente que serve para crear lazos de empatía entre descoñecidos. Busca romper estereotipos e inspirar os participantes a través de facilitar o contacto e o diálogo entre persoas que, doutra maneira, non terían a oportunidade de se coñeceren.