Derradeira visita guiada a «Superpoderes. David Aja e David Rubín»! Vigo
Despedimos a mostra «Superpoderes. David Aja e David Rubín» no Teatro Afundación de Vigo cunha última visita guiada moi especial o 6 de xullo! A editorial de cómics Marvel, creadora dalgúns dos superheroes máis populares da actualidade coma Spiderman, Daredevil, Iron Fist, ou o grupo The Avengers, composto por heroes tan poderosos coma Thor, Iron Man, Hawkeye, etc., cumpre 80 anos e desde Afundación ímolo celebrar por todo o alto coa colaboración de Panini, a casa editora dos superheroes Marvel en España. O comisario Asier Mensuro será o encargado de ensinar e desvelar por última vez os detalles das incribles creacións dos artistas internacionais David Aja e David Rubín no día mesmo do peche da mostra e, ao finalizar, cada asistente recibirá unha espectacular serigrafía editada por Panini, un auténtico broche de ouro para dicirlle adeus ao proxecto de banda deseñada.
Visita destinada a todos os públicos.
Entrada de balde sen inscrición.
Desde o público familiar, ata os máis acérrimos fans do universo Marvel, recibirán de agasallo unha estupenda serigrafía editada por Panini dalgúns dos heroes máis coñecidos da editorial americana. Trátase de 6 serigrafías diferentes:
Hai unha de The Thing, membro de Fantastic Four, grupo fundacional do xénero de superheroes da editorial Marvel que, da man dos míticos Stan Lee e Jack Kirby, revolucionou este tipo de cómics, dando comezo a un universo de aventuras que perdura ata hoxe. A ilustración é obra de Mike Del Mundo.
The Black Panter, personaxe creada polos xa citados Lee e Kirby, protagoniza a segunda serigrafía. Trátase do primeiro superheroe negro da editorial, e a súa creación está intimamente ligada á loita polos dereitos raciais na América da época.
Aaron Kuder é o autor da serigrafía de Spiderman, outro dos superheroes máis populares da editorial Marvel, creado por Stan Lee, e outro dos grandes debuxantes da editorial, Steve Ditko.
Creado tamén por Ditko para Marvel é o Doutor Strange, que protagoniza a cuarta serigrafía que ilustra Javier Garrón.
A quinta presenta a Wolverine, dos X-Men, e outra das personaxes máis populares da editorial, foi creada por Len Wein, John Romita Sr e Herb Trimbe. A serigrafía, obra de Pepe Larraz, presenta a máis sorprendente das versións da personaxe. Wolverine non é James Logan, senón a súa filla Laura, un exemplo perfecto de como a editorial soubo adaptarse ao cambio dos tempos e aposta por personaxes do xénero feminino.
E para rematar, unha moza máis, Rogue, tamén dos X-Men, creada por Chris Claremont e Michael Golden. A serigrafía é obra de Russell Dauterman.
A visita guiada á mostra correrá a cargo do comisario da mesma, Asier Mensuro, e nela farase un orixinal percorrido pola historia de Marvel, desde as orixes dos personaxes, ata a actualidade, momento en que son debuxados por David Aja, con obras que integran o groso da mostra. As persoas visitantes descubrirán cousas tan sorprendentes coma estas:
Stan Lee, o mítico creador do Universo Marvel realiza unha historia canda David Aja que está exposta integramente na exposición. Como se creou esta historieta?
O heroe, do que están expostos os orixinais na mostra, foi o primeiro grande éxito editorial de David Rubín, mais sabiades que David Rubín pensou na historieta coma unha grande homenaxe a Jack Kirby, o debuxante que creou gran parte dos personaxes Marvel? Como é a visión de Kirby da man de David Rubín?
Todos os heroes Marvel son americanos, e polo tanto, as súas aventuras transcorren en cidades coma Nova York. Ou quizais non sempre sexa así. Hai unha aventura de Daredevil, debuxada por David Aja que transcorre en Galicia, en concreto, na Costa da Morte, e na mostra poden verse os orixinais.
Derradeiro día da exposición e derradeira oportunidade para visitala, con agasallo asegurado. Tanto o público familiar coma o público adulto poderán gozar dos seus superheroes favoritos, descubrir novos personaxes que quizais non coñeza, e sobre todo, celebrar o aniversario do Universo Marvel que, en pleno século XXI, goza dunha gran popularidade tanto nas follas dos cómic books onde naceu, coma noutros medios coma películas, series de televisión ou videoxogos.