Concerto de CAMERATA ARVEN, en Pontevedra
O mércores 20 de maio ás 20:30 h, no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra, terá lugar un serán consagrado integramente a Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791) da man da Camerata Arven, conxunto que para esta ocasión contará cunha formación reforzada. Este concerto organízase en colaboración coa Sociedade Filharmónica de Pontevedra.
As entradas poden adquirirse a través de Ataquilla.com ou no vestíbulo do Auditorio o mesmo día do concerto. Os socios da Sociedade Filharmónica recibirán as súas entradas a través da propia Sociedade.
O programa combina dúas obras fundamentais do catálogo mozartiano. A primeira parte está dedicada ao Concerto para clarinete e orquestra en La maior, K 622, composto nas semanas finais da vida do compositor. O solista será o propio director da Camerata, Francisco Javier Morgade Dobaño, clarinete solista da Orquestra Sinfónica de Pontevedra e membro fundador do conxunto. A segunda parte trae a Sinfonía n.º 29 en La maior, K 201, obra de mocidade escrita cando Mozart tiña dezaoito anos.
A Camerata Arven, creada en 2015, agrupa a músicos profesionais galegos cunha ampla traxectoria na interpretación e a docencia. Desde a súa fundación, actuou en numerosas Sociedades Filharmónicas de Galicia e colabora habitualmente co coro Gli Appassionati. En tempadas recentes desenvolveu xunto a Afundación o exitoso ciclo de concertos Do silencio á emoción.
PROGRAMA
I Concerto para clarinete e orquestra en La maior, K 622
Allegro
Adagio
Rondó. Allegro
Solista: Francisco Javier Morgade Dobaño (clarinete)
II Sinfonía n.º 29 en La maior, K 201
Allegro moderato
Andante
Menuetto: Allegretto – Trío
Allegro con spirito
Se queres coñecer todos os concertos da Tempada de Abonos de Clásica de Pontevedra, accede á nosa axenda web. E se queres gozar das artes escénicas como nunca antes, infórmate en Ataquilla.com.