Concerto benéfico Banco de Alimentos, en Pontevedra
 
					A Coral Polifónica de Pontevedra e a Unidade de Música da Escola Naval Militar de Marín protagonizan o concerto benéfico polo 30º aniversario da Fundación Provincial Banco de Alimentos. Será o 12 de novembro na Sede Afundación de Pontevedra.
Colle as túas entradas en Ataquilla.com
O concerto celebra e agradece á sociedade a súa colaboración durante estes 30 anos e busca de novo o apoio para axudar as persoas máis vulnerables, destinando todo o recadado á compra de alimentos.
 
O concerto, cunha duración aproximada de dúas horas, contará primeiro coa actuación da Coral Polifónica de Pontevedra, dirixida por Nanette Sánchez, e posteriormente coa Unidade de Música da Escola Naval Militar de Marín, baixo a batuta do comandante Juan Luis Costas. Ambas as formacións uniranse ao final para interpretar unha peza conxunta.
As entradas terán un prezo de 20 e 25 euros, segundo a zona do auditorio, e habilitouse ademais unha Fila 0 con achegas a partir de 10 euros. Toda a recadación destinarase integramente á compra de alimentos de primeira necesidade.
Durante 2024, a Fundación Provincial Banco de Alimentos distribuíu preto de 1,4 millóns de quilos de alimentos entre 20 000 persoas en situación de vulnerabilidade, a través de máis de 150 entidades e ONG colaboradoras.
Esta iniciativa está organizada pola Fundación Provincial Banco de Alimentos e conta coa colaboración de Afundación e Esmerarte.