O xoves 18 de outubro tes un encontro con Acreativa Live, o espazo Afundación de tendencias musicais enfocadas ao público millennial en colaboración cos principais xestores culturais do sector. A cita, baixo o título de Maridaxes*, está marcada por unha cata de viños e concerto da xenial artista Carmen Boza. Na Sede Afundación A Coruña.
A cata terá lugar na cafetería da Sede baixo o nome De xira vinícola con Carmen Boza, onde poderás degustar catro viños de excepción: Lusco 2017 Albariño; Beronia 2017 Rueda; Tio Pepe Jerez; e Solera 1847 Jerez.
Carmen Boza é unha compositora, guitarrista e cantante andaluza, nacida en 1987 en La Línea de la Concepción (Cádiz). En 2014 publica La Mansión de los Espejos grazas a unha exitosa campaña de crowdfunding, recadando o 120 % do requirido en tan só oito horas. Experimenta ao longo de catro anos con varias formacións e atopa finalmente no power trío o medio de expresión máis afín á súa proposta. A música de Carmen Boza nútrese do seu forte vínculo coa guitarra, que leva explorando desde os quince anos. O interese por moitas propostas da chamada música comercial, á vez que por moitos outros proxectos de corte máis alternativo, desemboca no torrente de influencias que se aprecian nas composicións da gaditana. «Sound and Colour», de Alabama Shakes, «Vultures» de John Mayer, «Bodysnatchers» de Radiohead e «So good» de Warpaint, son catro exemplos desta mestura musical que, sumada ao seu talento e traxectoria, a sitúan como unha das propostas femininas españolas máis interesantes e con máis proxección dos últimos anos. En 2018, nunha continua procura do seu son, Carmen Boza toma o mando da produción e arranxos para La Caja Negra, o seu segundo traballo de estudo. Un álbum copado de riffs de guitarra e melodías pegañentas que dan soporte a textos escuros e introspectivos, onde o oínte atento é testemuña do tránsito da artista millennial, polas complexidades da vida moderna. É un disco cru, austero e rabioso, pero cheo de amor, honestidade e cordura.
Maridaxes, é unha proposta incluída en Acreativa Live e que constitúe unha aproximación ao talento e á obra de mulleres artistas. A actividade inclúe unha cata de viños que evocan a orixe e a obra musical das protagonistas a modo de viaxe polos sentidos e a cultura destes territorios. Posteriormente, cada artista ofrecerá un concerto coa banda completa. Participarán nesta experiencia nomes propios dentro da escena independente e referentes da fortaleza que hoxe ten a música feita por mulleres. Cada encontro será unha ocasión para viaxar polos aromas e sabores evocadores do viño que á vez nos conectarán coas cancións e o xeito de entender a arte, a música e a vida de cada unha das artistas.
Os encontros están dirixidos pola experta Cristina V Miranda.
Dirección e Produción: Acreativa (Afundación)
Comisariado por I’m The Mocker
Colabora: González Byass, Pernod Ricard e Martín Codax
*Acceso permitido a menores de 16 a 18 con autorización asinada e acompañad@s dunha persoa adulta.