Ala·ni con Acreativa Live. A Coruña
Nesta 2ª edición, Acreativa achega á Sede Afundación da Coruña a artista londinense Ala·ni en concerto. Será o mércores 21 de novembro, no Auditorio do edificio do Cantón.
ALA·NI é o nome artístico de Alani Charal, cantautora londinense de orixe antillana que comezou a exercer de corista para un variado elenco de artistas que inclúe Blur, Mary J. Bligey ou Andrea Bocelli. Admiradora de Julie Andrews e de Joni Mitchell foi comparada con Billie Holiday e no seu álbum de debut You & I contou con Andrew Hale (Sade) que a axudou a producir unhas excelentes cancións que mesturan o romanticismo melancólico das baladas da era do swing co aire do soul contemporáneo.
Non en balde a súa música podería formar parte dun musical de Broadway ou dunha película en branco e negro, con delicados arranxos de trompeta adornando “Roses & Wine” e melodías tan evocadoras coma a de “Ol’ Fashioned Kiss”.
O de ALA.NI con España é, sen dúbida, un amor correspondido, a súa xira de presentación de You&I levouna a pechar máis de 20 datas en España. ALA.NI actuou en festivais de gran calibre coma o Grec e o Mil·leni de Barcelona, o Xixón Sound Fest ou o Noroeste da Coruña, así coma en grandes teatros coma o Conde Duque de Madrid e o Teatro Cervantes de Málaga. Por se iso fose pouco, ALA.NI foi a intérprete da BSO da película La librería de Isabel Coixet. A devandita BSO valeríalle ao seu compositor, Alfonso de Villalonga, o nomeamento a mellor Música Orixinal nos Goya 2018.
Este concerto enmárcase dentro de Acreativa Live, un espazo para as tendencias musicais enfocadas a un público millennial e en colaboración cos principais xestores culturais do sector.
*Acceso permitido a menores de 16 a 18 con autorización asinada e acompañad@s dunha persoa adulta.