Concerto ORQUESTA BARROCA DE TENERIFE en Vigo

ORQUESTA BARROCA DE TENERIFE
ALFONSO SEBASTIÁN clave e director | LORENA PADRÓN violín barroco e concertino | LAURA DÍAZ, MARIO BRAÑA, PATRICIA GARCÍA e GIOVANNI DÉNIZ violíns barrocos | PABLO SOSA frauta traveseira | LETICIA MOROS viola barroca | FERNANDO SANTIAGO e ELSA PIDRE violonchelos barrocos | TOMÁS LÓPEZ violón
PROGRAMA
I PARTE
Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Trío sonata, en sol maior, BWV 1038 [8’]
I. Largo
II. Vivace
III. Adagio
IV. Presto
Preludio e Fuga, en si bemol maior, BWV 866 [4’]
I. Praeludium
II. Fuga à 4
Concerto de Brandeburgo, en re maior, no 5. BWV 1050 [20']
I. Allegro
II. Adagio (affettuoso)
III. Allegro
Concerto para clave e orquestra, en fa menor, BWV 1056 [9’]
I. Moderato
II. Largo
III. Presto
Suite para orquestra No. 2, en si menor, BWV 1067 [19’]
I. Ouverture
II. Rondeau
III. Sarabande
IV. Bourrée I/II
V. Polonaise (Lentement) - Double
VI. Minuet
VII. Badinerie
Bises
Johann Sebastian Bach
Gavotas da suite No 3 BWV 1068
NOTAS AO PROGRAMA
JOHANN SEBASTIAN BACH (1685-1750)
Sonata en trío para frauta, violín e baixo continuo en sol maior, BWV 1038
Tense cuestionado que Bach fose o autor desta obra, composta en Leipzig entre 1732 e 1735. Durante aqueles anos, o autor experimentaba con diversos xéneros de cámara nos seus concertos no café de Gottfried Zimmermann, onde tamén promocionaba o seu alumnado como solistas. A peza segue o esquema lento-rápido-lento-rápido propio das sonatas en trío italianas, mais non conta coa riqueza contrapuntística característica de Bach. O baixo continuo é o mesmo da Sonata para violín BWV 1021, da que tamén se recupera parte do material para as dúas partes melódicas. O feito de que o violín estea en scordatura reforza a teoría de que a obra puido ser concibida como un exercicio de composición para algún estudante. O Largo inicial é o movemento máis extenso e nel xoga un protagonismo predominante a frauta, pasando nos restantes a actuar en igualdade co violín, tanto no Vivace como no aflito Adagio e no Presto, que é unha rudimentaria e pouco desenvolvida fuga a tres voces.
Preludio e fuga en si bemol maior, BWV 866
O clave ben temperado é un amplísimo conxunto de preludios e fugas, divididos en dous libros que foron compilados por Bach en 1722 e 1744, mais dos que non se coñece a data de composición nin o instrumento exacto para o que foron creados. A súa función non só foi musical, senón tamén teórica e didáctica. Cada un dos libros abrangue vinte e catro parellas de preludios coa súa respectiva fuga, escritas en diferentes tonalidades, maiores e menores, que completan a gama cromática en orde ascendente. Mentres que o concepto formal e estilístico dos preludios é moi diverso e variado, as fugas están sempre suxeitas a estritas regras de contrapunto, cun tema que é respondido en imitación pola segunda, terceira e ata cuarta voz.
Hoxe escoitamos o preludio e fuga en si bemol maior, que pertencen ao primeiro libro. Este foi rematado por Bach nos seus últimos tempos como mestre de capela en Köthen e publicouse de xeito póstumo en 1801.
Concerto de Brandeburgo nº 5 en re maior, BWV 1050
O 24 de marzo de 1721, Bach presentou un grupo de seis concertos para varios instrumentos que dedicou a Christian Ludwig, margrave de Brandemburgo. Non está claro se son creacións totalmente orixinais ou incorporan pasaxes de obras compostas na década anterior, mentres traballaba en Weimar e Köthen, mais, en calquera caso, sábese que a capela de Brandemburgo non contaba cos músicos suficientes para interpretalos e foron arquivados durante moitos anos, ata que en 1850 foron publicados. Seguen un modelo próximo ao do concerto grosso e, malia que cada un deles está ideado para un padrón orquestral diferente, todos exploran os contrastes tímbricos no seo da orquestra.
No quinto da colección, o clave, habitualmente acompañante, acada un papel protagonista, se cadra coa idea de aproveitar as posibilidades técnicas e sonoras que ofrecía un instrumento que Bach comprara en Berlín en 1719. Tamén actúan como solistas o violín e a traveseira, o cal supón un avance por substituír esta á frauta de pico habitual na época. Igual que os restantes concertos, ten tres movementos: se no inicial o clave destaca sobre todo nunha prolongada e rutilante cadenza a solo, no central, de carácter íntimo e a catro voces, limítase a acompañar; no finale reaparece o estilo fugado coa forma dunha animada xiga francesa con imitacións a cargo dos tres solistas.
Concerto para clave e orquestra en fa menor, BWV 1056
Se o quinto concerto de Brandemburgo é considerado o primeiro concerto para clave da historia, Bach asumiu esta forma como a ideal para cubrir as necesidades do Collegium Musicum de Leipzig, ao cal dirixiu e onde actuou en numerosas ocasións, ás veces acompañado polos seus fillos máis vellos, ambos os dous clavecinistas. Todas as obras que escribiu con esa forma datan da década de 1830 e crese que son maioritariamente reelaboracións de concertos previamente escritos para outros instrumentos. Un exemplo disto é o BWV 1056, quinto dunha serie de seis incluídos nun manuscrito de 1735, que adapta materiais dunha obra para violín (e quizais tamén doutra para óboe) que non se conserva. Ten unha estrutura sinxela e un concepto tipicamente italiano, co emprego constante do ritornello. No primeiro movemento contrastan as ornamentadas pasaxes en tresillos do solista cos vigorosos tutti das cordas en 2/4. O Largo, en la bemol maior, é un arranxo da sinfonía da cantata Ich steh mit einem Fuß im Grabe, BWV 156, mais, neste caso, o triste solo de óboe corre a cargo do clave, mentres as cordas acompañan con pizzicati. Por
último, o Presto final, que recupera a tonalidade do comezo, ten ar de danza e incorpora curiosas figuras en eco.
Suite para orquestra nº 2 en si menor, BWV 1067
Bach traballou a forma da suite para orquestra –que el prefería chamar ouverture- en catro ocasións, dúas durante o seu período en Köthen e outras dúas xa en Leipzig. Nelas seguiu un perfil de inspiración francesa continuando unha tradición na música alemá que databa de finais do século XVII. Consistía nunha serie de danzas precedidas dunha extensa e solemne abertura tripartita semellante ás que empregaba Lully nas súas óperas. A diferenza dos Concertos de Brandemburgo, non se trata dunha serie, pois as suites, ademais de seren compostas en diferentes épocas, varían en canto á instrumentación e ao tipo de danzas que inclúen.
Descoñécese con que obxecto foron escritas, mais suponse que serían interpretadas con motivo dalgunha cerimonia.
A segunda destas suites parece datar dos anos 1737-1739, época na que comezou a utilizarse a frauta traveseira. Malia ter a tonalidade menor preferida por Bach para a música dedicada a este instrumento, o seu carácter é lixeiro e nidio, con varios solos de gran brillantez. A abertura, tipicamente francesa, empeza e remata de xeito lento e grave, enmarcando unha sección central fugada moi animada. Séguena seis movementos curtos de tipo danza, con cadanseu carácter. En varios casos, estas teñen orixe francesa (Rondeau, Bourée, Menuet), mais a Sarabande lenta tamén é un exemplo de adaptación a Francia dun aire que parece provir de América. A Polonaise deriva dun baile do leste de Europa que Bach arranxou, estilizándoo. A última páxina, Badinerie, alegre e escintilante, é pouco habitual nas suites barrocas e ofrece ocasión para despregar o virtuosismo do frautista.
Sociedad Filarmónica de Vigo – Martín Fernández
ORQUESTA BARROCA DE TENERIFE
Herdeira do formidable grao de madurez adquirido pola interpretación da música antiga española e como consecuencia do auxe e calidade de intérpretes nas Canarias con instrumentos e estilos históricos, nace en 2017 a Orquesta Barroca de Tenerife (OBdT). Os ecos barrocos, desde Monteverdi ata Bach, non podían ter un mellor lugar de resonancia ca unha das Hespérides.
A OBdT foi fundada por ANDMÚSICA, a Asociación para a Normalización da Música Antiga en Canarias, co apoio do Cabido Insular de Tenerife, para promover novas e novos intérpretes con educación europea nos estilos e instrumentos de época, proporcionando a adecuada plataforma de coordinación para fomentar o patrimonio musical histórico, desde outras perspectivas sonoras, achegando aos novos públicos todas as formas musicais dos séculos XVII e XVIII, para engadir valor á oferta e axenda cultural da illa.
Ao atractivo equipo de intérpretes súmase, desde os seus comezos, a experta dirección de mestres e mestras convidadas, coma Jacques Ogg, Bruno Procopio e Raúl Moncada, así coma as novas batutas dos mozos Alfonso Sebastián e Juan de La Rubia, que dan vida a repertorios do pasado aplicando as investigacións musicolóxicas e a actualización das propostas sonoras con clara vontade de formación e educación, espertando expectativas culturais aínda inéditas na nosa comunidade.
Este concerto enmárcase en CULTURA POR ALIMENTOS, un programa solidario en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia.
Convidámoste a colaborar traendo produtos non perecedoiros, que poderedes depositar á entrada do teatro.
Entra aquí e infórmate!