Aberta convocatoria para o XVII Premio de Poesía Afundación

Aberta nova convocatoria para presentar traballos ao XVII Premio de Poesía Afundación.
O Premio de Poesía Afundación busca visibilizar grandes talentos da literatura galega actual. Desde o ano 2002 conseguiron o galardón nesta orde: Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa e, na última convocatoria, Gonzalo Hermo.
O xurado, que vai mudando cada ano, conta con representantes de importancia na literatura galega e na cultura en xeral. O último estivo composto polas escritoras Alba Cid e Estíbaliz Espinosa (gañadora da edición 2017); Xosé Ramón Pena, escritor; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luis González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado.
O galardón implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6000 euros. Conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, que coa súa implicación contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega. Ademais, Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras anos de compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan a traballar por un xénero indispensable que marca a evolución filosófica e cultural dunha sociedade e que serve de cimento para a consolidación da renovación estética e a preservación e a dignificación da lingua.
Aquí máis información sobre o Premio de Poesía Afundación
Consulta as bases desta nova edición 2019 a seguir para participar: