Diálogos sobre Lonxevidade e Envellecemento – Coas Dras. Ana María Cuervo e Isabel Fariñas
Cando o cerebro envellece: retos e esperanzas
As dúas científicas, a través dun diálogo conducido polo Dr. Manuel Collado, abordarán, entre outros aspectos, os cambios que ocorren de forma natural no noso cerebro a medida que envellecemos; a diferenza con aqueles cambios patolóxicos que derivan en enfermidades neurodexenerativas; os avances na investigación sobre o envellecemento que abren novas vías para tratalas e prevelas; e a evidencia sobre a capacidade de rexeneración do noso cerebro e as perspectivas que esta nos ofrece.
Por que algunhas enfermidades neurodexenerativas son máis comúns na vellez? Teremos cura para enfermidades como o alzhéimer e o párkinson? Pode o cerebro adaptarse a novas situacións e rexenerarse? Que é a autofaxia e cal é a súa relación co sono?
Dra. Ana María Cuervo é catedrática Robert e Renée Belfer no Albert Einstein College of Medicine de Nova York, onde dirixe o Centro de Estudos sobre o Envellecemento e é profesora distinguida de Bioloxía Molecular do Desenvolvemento e de Medicina. Médica pola Universidade de Valencia, lidera un grupo pioneiro no estudo dos mecanismos de limpeza e reciclaxe celular (autofaxia) e do seu papel no envellecemento e en enfermidades como o alzhéimer, o párkinson ou os trastornos metabólicos. Recoñecida entre o 1 % dos científicos máis citados do mundo, a súa investigación procura desenvolver terapias capaces de restaurar a función celular para atrasar as enfermidades asociadas á idade.
Dra. Isabel Fariñas é catedrática de Bioloxía Celular na Universidade de Valencia e coordinadora da unidade de Neurobioloxía Molecular (NeuroMol). É un referente internacional no estudo das células nai neurais e do seu microambiente. A súa traxectoria combina investigación de excelencia —máis dun cento de publicacións en revistas como Nature, Cell ou Neuron, unha ERC Advanced Grant e o Premio Nacional de Investigación “Santiago Ramón y Cajal” (2024)— cunha intensa labor docente e de liderado científico. Membro da EMBO, do CIBERNED e do comité científico-técnico do CSIC, Fariñas representa unha das voces máis influentes na neurociencia española e europea.
Dr. Manuel Collado é investigador científico do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CSIC) e dirixe o seu grupo no CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela. Centrou o seu traballo no estudo da senescencia celular, o seu papel no cancro e na identificación de compostos capaces de eliminar de forma selectiva as células senescentes, que poderían empregarse en terapias contra o cancro e o envellecemento.
DIÁLOGOS SOBRE LONXEVIDADE E ENVELLECEMENTO
Un ciclo divulgativo e científico no que, da man de expertos e expertas de primeiro nivel, abordaremos de maneira accesible e amena diferentes aspectos da investigación científica que nos axudan a entender mellor o envellecemento desde unha perspectiva multidimensional, así como os factores cotiáns e sociais que inflúen en como vivimos e envellecemos, e sobre os que podemos incidir de maneira directa.
Os Diálogos organízanse en tres niveis complementarios:
-
Encontros con personalidades científicas do ámbito da bioloxía, demografía, economía, psicoloxía, socioloxía, medicina, etc., coas que falaremos sobre os últimos avances e perspectivas sobre a lonxevidade e o envellecemento e as súas implicacións para a sociedade. Celebraranse en Santiago de Compostela en colaboración coa Fundación IDIS e Collado Lab.
-
Conversas con profesionais da saúde e do benestar, que aplican o coñecemento científico para promover unha vida máis longa e saudable. Terán lugar en diferentes sedes de Afundación en colaboración coa Sociedade Galega de Medicina e outras entidades.
-
Obradoiros nos Espazos+60, onde as persoas maiores son protagonistas e contribúen a construír unha cultura do envellecemento activo. Desenvolveranse nas 11 localidades nas que se atopan estes centros, con accións directamente realizadas por profesionais de Afundación ou en colaboración con outras entidades sociais.
DIÁLOGOS ANTERIORES
Accede ao primeiro diálogo: “É posible reverter o envellecemento? Pode ser o futuro da saúde?” cos doutores Manuel Serrano e Manuel Collado.
Accede ao segundo diálogo: “Que papel xoga o sistema inmunitario no envellecemento saudable? Podemos reforzar as nosas defensas inmunitarias para envellecer con máis saúde?” cos doutores María Mittelbrunn e Manuel Collado.
Accede ao terceiro diálogo: “Pode a ciencia descubrir por que e como envellecemos? Servirá iso para ter un envellecemento máis saudable?” cos doutores Myriam Gorospe e Manuel Collado.