Exposición CREAR PORVIR. Editorial Galaxia (1950-2025), en Pontevedra
O 25 de xullo de 1950 creábase en Compostela a Editorial Galaxia, presidida por Ramón Otero Pedrayo e cunha nómina de persoeiros ilustres do galeguismo da posguerra. Erixíase así un potente núcleo de apoio e resistencia en favor da cultura e da lingua galegas nos duros anos do franquismo, con Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto e Ramón Pinheiro á fronte.
Hoxe, 75 anos despois, a recoñecida editorial chega a nós con máis de 3.000 títulos editados e un catálogo vivo de máis de 2.000, onde figuran as e os escritores máis sobranceiros desde a ditadura ata a actualidade. Unha referencia hoxe en Galicia da que celebramos a súa exitosa vida cunha exposición homenaxe onde coñecer a historia, anécdotas e algunhas das edicións máis especiais das publicadas. Do 3 ao 30 de xullo de 2025, visita CREAR PORVIR. Editorial Galaxia (1950-2025) na Café Moderno Afundación de Pontevedra, un anaco da nosa historia cultural e literaria.
comisario | HENRIQUE MONTEAGUDO
Esta exposición forma parte do noso proxecto solidario CULTURA POR ALIMENTOS, a través do cal te convidamos a doares produtos non perecedoiros para axudar os bancos de alimentos locais, en colaboración con FESBAL, Federación Española de Bancos de Alimentos.
Máis información.
Comisariada por un equipo de referencia no ámbito dos estudos académicos en Galicia e a nivel internacional, dirixido polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, director da Cátedra Castelao da mesma universidade e da revista Grial, Henrique Monteagudo, acompañado pola Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva Fernández.
Neste proxecto destaca o labor de autoras e autores como Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Paco Martín, Xohana Torres, Carlos Casares, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Paula Carballeira, Domingo Villar, Xesús Fraga, Xosé Manuel Núñez Seixas, Marilar Aleixandre…; de editores como Carlos Casares e Víctor F. Freixanes…; e dos fundadores da editorial, como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego; ademais de títulos que axudaron a conformar o panorama literario de Galicia, configurando unha visión global da edición galega durante o franquismo e a democracia.
A mostra articúlase en catro bloques temáticos que convidan a percorrer a literatura e os seus autores e autoras, desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio; o ensaio e o pensamento galegos, con estudos sobre a lingua, a historia, a sociedade e a ecoloxía, así como proxectos de referencia como a revista Grial; a tradución e a proxección internacional, co galego como lingua de recepción e creación universal; e a literatura infantil e xuvenil, na que Galaxia foi pioneira con coleccións e espazos dirixidos ao público máis novo. A exposición conta tamén cun espazo para público infantil que convida a ler e gozar da edición para as idades máis novas.
O deseño expositivo correu ao cargo do estudo Desoños, que propón unha sorte de bosque de estruturas móbiles onde se sinalan dun xeito visual e dinámico os nomes, publicacións e feitos singulares desta traxectoria. As estruturas van precedidas dun túnel do tempo, cos fitos máis salientables destes 75 anos. O deseño expositivo cumpre, ademais, o reto de adaptarse ás distintas sedes onde se vai instalar.
Outro aspecto a salientar é que se pode gozar, formando parte da exposición, dunha peza audiovisual, dirixida por Ana Viqueira, e producida por Nós TV, que recolle testemuños de personalidades vinculadas á Editorial Galaxia sobre a súa produción literaria.
A exposición «Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia” percorrerá Galicia ao longo de 2025, facendo escala nas sete grandes cidades galegas. Comeza neste mes de marzo na Sede Afundación de Santiago de Compostela, para continuar en abril e maio no Pazo Provincial de Lugo, e en maio e xuño na Sala de Exposicións Afundación de Ourense. En xullo, a mostra chegará a Ferrol, tamén na Sede de Afundación, e, tras o verán, instalarase en setembro e outubro no Café Moderno Afundación de Pontevedra. A Coruña acollerá a exposición entre outubro e novembro na Fundación Luís Seoane, rematando o seu itinerario en Vigo, onde poderá visitarse entre decembro de 2025 e xaneiro de 2026 na Sede Afundación da cidade.
Ao longo destes 75 anos, Galaxia publicou preto de 3.500 títulos, con obras de máis de 1.500 autoras e autores, consolidándose como proxecto esencial para a edición en lingua galega, nunha aposta firme pola dignidade e a normalización da nosa lingua e cultura. A singularidade deste empresa radica no seu compromiso político e cultural e no feito de que inviste os seus beneficios na propia editorial. Ao longo da súa traxectoria recibiu galardóns tan relevantes como a Medalla de Ouro de Galicia e o Premio da Cultura Galega, en recoñecemento á súa contribución á nosa identidade e á modernización cultural, ademais de contar con numerosos premios nacionais, que poñen en valor a nosa creación literaria.
Aproveita para visitar a axenda web e decátate de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para informarte sobre outras actividades escénicas.